Bendado
Publicación subtitulada “Boletín de información cultural galego-portugués” que naceu en outono de 1979 como iniciativa da Libraría Couceiro de Santiago de Compostela, co fin de dar información sobre novidades bibliográficas. Aínda que se pretendía nun principio que tivese carácter trimestral adoita saír irregularmente unhas dúas ou tres veces ao ano. Feita integramente en galego, alén de informar sobre publicacións galegas, portuguesas e aquelas que estando en castelán están referidas a Galicia, inclúe entrevistas ao longo dos diferentes números a Carballo Calero, Basilio Losada, Francisco Rodríguez, Carlos Casares, Pilar Vázquez Cuesta, Ramón Martínez López, Manuel Lourenzo, Filgueira Valverde, Fernández del Riego, etc. Tamén hai reseñas biográficas, como as de Luís Pimentel, María Mariño, Francisca Herrera e Saco e Arce, entre outras. Déronse tamén cabida a notas necrolóxicas, como as dedicadas a Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro ou Fermín Penzol. Comentarios de libros, información sobre premios literarios, certames, congresos, xornadas conferencias, etc, completan as súas páxinas, que ás veces inclúen debuxos de Castelao, Saavedra Pita ou Quesada. Na actualidade está dedicado a recoller só información bibliográfica.