beneditina, orde

beneditina, orde

Orde monástica fundada por san Bieito de Nursia baseada no seguimento da regra por el creada. Os primeiros mosteiros foron creados polo propio san Bieito nos arredores de Roma nos inicios do s VI, mais a regra beneditina e a organización dos mosteiros establecéronse na abadía de Montecassino no 529, cenobio fundado por san Bieito despois de derrubar un templo pagán.
A regra beneditina
Código de vida monástica ou regula monachorum, da autoría de san Bieito de Nursia escrita entre os anos 534 e 550 durante a súa estancia na abadía de Montecassino. A pesar da súa brevidade, consta de 73 curtos capítulos, de carácter lexislativo, e un prólogo, de carácter sapiencial, é dunha grande importancia para o desenvolvemento do monaquismo en occidente. San Bieito combinou fontes monásticas antigas como santo Agostiño, san Xerónimo ou san Basilio e a regra do mestre (código anónimo composto en Italia), coa súa experiencia e o seu sentir da vida monástica, realizando unha selección, síntese e adaptación de todas estas fontes. Os 73 capítulos da regra pódense dividir en seis grupos atendendo ao seu contido temático: a comunidade e o abade (capítulos 1-3); a doutrina da arte espiritual (capítulos 4-7); a ordenación e espírito da oración (capítulos 8-20); a organización interna do mosteiro e actividades dos monxes (capítulos 21-57); a formación da comunidade, discernimento e proceso de integración das vocacións, elección dos responsables (capítulos 58-65); as relacións co mundo exterior e comunicación fraterna entre os monxes (capítulos 66-72). O capítulo 73 é unha especie de epílogo no que san Bieito lle quita importancia ao valor da regra e chama ao cumprimento da mesma por parte dos monxes. Entre as recomendacións que se recollen na regra está a necesidade da presenza dun abade forte que dirixise a comunidade cuns poderes case ilimitados e que soamente respondese ante Deus. A maioría dos membros da comunidade, os monxes, incluído o abade, tiñan que ser laicos, só uns poucos estarían ordenados para poder celebrar a eucaristía. O mosteiro recollía rapaces para ser formados como monxes. A regra amosa o plan de estudios destes aspirantes: os alumnos tiñan que renunciar a toda propiedade privada xa que os bens pertencían á comunidade, e antes de pronunciar os votos, o aspirante, xa adulto, pasaba un ano como novicio. Os votos eran de pobreza, obediencia (ó abade), castidade, estabilidade (o monxe viviría no mesmo mosteiro toda a súa vida e soamente sairía por asuntos relacionados co mesmo) e reforma dos seus costumes (tiña que loitar pola mellora da súa vida espiritual). As actividades dos monxes eran dúas: rezar e traballar, ora et labora. San Bieito concibiu o seu mosteiro como se fose unha villa romana, autosuficiente e afastada do mundo exterior. O horario das funcións relixiosas, chamadas oficios, estaba estritamente fixado. Empezaba cos matíns contra as dúas e media da mañá e continuaba cos laudes, prima, tercia, sexta, nona, vésperas e finalizaban coas completas cara ás seis e media ou sete da tarde. A xornada alternaba a oración, o traballo e o descanso. Tamén as infraccións á orde estaban castigadas, tanto se chegaban tarde a un oficio relixioso, á comida, como se se equivocaban no oratorio ou en calquera outro labor. A manutención tamén estaba fixada na regra, era o abade o encargado de entregar ao monxe a súa ración de comida, de bebida, e de facilitar a vivenda e o vestido. San Bieito fixou unha alimentación correcta non abundante e que evitase o exceso, e recomendou unha vestimenta sinxela.
Difusión da orde
San Bieito escribiu a regra para o seu mosteiro de Montecassino, mais gozou dunha rápida expansión e con ela a propia orde. As diferentes regras que dirixían os mosteiros (san Columbano, san Honorato de Lerins, san Cesáreo de Arlés, san Martiño de Dumio, san Fructuoso de Braga, entre outros), foron substituídas pola beneditina. Os motivos desta difusión son varios: a popularidade do culto a san Bieito; a propia calidade da regra, xa que era un código completo que organizaba toda a vida monástica pero que deixaba unha porta aberta á discreción do abade; e, por outra banda, o apoio da igrexa de Roma. Xa no mesmo s VI, Gregorio Magno (590-604) foi o primeiro papa bieito dun total de 50 beneditinos que ascenderon ao trono pontificio. Durante a vida de san Bieito, a orde expandiuse por Europa central e occidental. Cara ao 629, a regra é mencionada na Galia, manténdose xunto a de san Columbano. Dende mediados do s IX todos os mosteiros occidentais eran rexidos pola orde beneditina. Foi a única orde importante ata a chegada dos agostiños no s XI e das ordes mendicantes no s XIII. No noroeste da Península Ibérica a penetración foi máis lenta. Probablemente, isto foi debido á existencia dun movemento monástico que gozaba dun esplendor cultural e que non precisaba da asunción dunha nova regra. No mosteiro de Samos está documentada a súa presenza no 690. En 1055, o Concilio de Coianza ordenou a equiparación da regra de san Isidro coa de san Bieito e xa en 1077 substitúe a de san Rosendo, regra que orientara a vida monástica galega.
Congregacións
A orde pasou por momentos de decadencia, de relaxación dos costumes ou de corrupción que provocaron a reforma da mesma. Bieito de Aniana, realizou a primeira reforma. Reuniu as diferentes abadías beneditinas en congregacións para así acadar a centralización administrativa de cada mosteiro baixo a autoridade do abade do cenobio, constituído como cabeza da congregación. Os superiores dos mosteiros dependentes eran elixidos polo abade do mosteiro matriz. De todas as congregacións a máis célebre foi a Cluniacense, localizada na abadía de Cluny en Francia. En Galicia os mosteiros cluniacenses estableceron definitivamente a regra beneditina. Foron cluniacenses os mosteiros galegos de Xubia, Pombeiro, Budiño e Valverde. Houbo outras reformas como as de Romualdo, fixada en Camaldoli e de tendencia eremítica; a de Xoán Gualbert en Vallombroda; a reforma gregoriana, moito máis centralista, e a de san Víctor de Marsella. No ano 1098 Roberto Molesmes levou a cabo outra reforma, a cisterciense, no deserto de Cistercium, cerca de Dijon. A reforma dos cistercienses ou bernardos consistiu na estrita observancia da regra de san Bieito sobre todo nos aspectos relacionados co voto de pobreza e sinxeleza da vida monástica e co traballo manual. Ao mesmo tempo, o hábito cambiou de negro a branco co escapulario negro e todos os mosteiros acolleron a advocación de santa María. No s XII iniciouse a presenza cisterciense en Galicia no mosteiro de Oseira, seguíronlle Armenteira, Franqueira, Meira, Melón, Monfero, Montederramo, Moreira, Oia, Penamaior, San Clodio, Sobrado, Toxosoutos, Xunqueira de Espadañedo e os cenobios femininos de Bóveda e Ferreira de Pantón. Continuaron baixo a regra de san Bieito ou da primitiva observancia os mosteiros de Carboeiro, Celanova, Lérez, Lourenzá, Samos, Santo Estevo de Ribas de Sil, San Martiño Pinario, Antealtares, San Vicente do Pino, San Xoán de Poio e Tenorio. Coa aparición das ordes mendicantes no s XIII naceron novas congregacións beneditinas como os silvestrinos, celestinos e olivetanos, constituídos en ordes independentes con tendencia ao eremitismo e á pobreza persoal e colectiva. O Papa Inocencio III no marco do IV Concilio de Letrán (1215) instou á formación de congregacións rexionais de monxes beneditinos negros e á celebración de capítulos provinciais periódicos. As primeiras comunidades en cumprir coa norma foros as provincias tarraconense, narbonense, dúas inglesas e algunha francesa e castelá. Durante o s XV as diferentes reformas procuraban regresar á austeridade primitiva: a de santa Xustina de Padua, posteriormente chamada cassinesa (1408); a de Valladolid ou dos observantes (1417) e a de Bursfeld, chamada da devoción moderna. Os Reis Católicos, seguindo as directrices do seu goberno, levaron a cabo a centralización da orde beneditina coa creación da congregación de San Benito el Real de Valladolid. Os mosteiros galegos quedaron baixo a dependencia vallisoletana e os abades nomeados directamente pola congregación eran casteláns. Posteriormente a orde viviu diversos avatares: algúns mosteiros desapareceron e volveron a abrirse anos despois como os de Samos e San Clodio, e fundáronse como o feminino de San Paio de Antealtares (1499), que reuniu as relixiosas procedentes de 17 mosteiros que estaban nun estado de pobreza e escaseza de vocacións. En Francia, formáronse no s XVIII as congregacións de Saint-Maur ou maurí e de Saint-Vanne. A característica principal destas congregacións foi o traballo de erudición que realizaron. Pola súa banda, os beneditinos hispanos estenderon a orde por América Central e do Sur. A revolución francesa trouxo como consecuencia que dende finais do s XVIII e principios do s XIX moitos mosteiros fosen suprimidos de xeito violento. O rexurdir beneditino apareceu coas modernas congregacións de Solesmes, Beuron ou Subiaco. O Papa León XIII confederou estas congregacións coas que sobrevivían de tempos pasados e creou en 1893 a figura, máis honorífica que administrativa, do abade primato. Actualmente existen vinte congregacións beneditinas das que salientan entre as antigas: a inglesa (refundida en 1336), a cassinesa (s XVI), a húngara (contra o 1500), a helvética (1602) e a bavaresa (1684); entre as restauradas no s XIX a do Brasil (1827), a de Solesmes ou francesa (1837), a americana-cassinesa (1855), a de Beuron (1868), a sublacense (1872), a belga (1881) e a de santa Otilia (1884); entre as antigas que foron confederadas no s XX: a dos olivetanos (1921) e a de Vallombrosa (1966). Hoxe en día existen en España as seguintes comunidades beneditinas masculinas: Guadalajara, comunidad beneditina del Monasterio de Sapetrán; pertencen á congregación sublacensis-provincia hispánica o santuario El Miracle (Lleida), mosteiro de El Paular (Madrid), Padres Benedictinos de Estíbaliz (Araba), mosteiro beneditino de Lazkao (Gipuzkoa), mosteiro de Montserrat (Barcelona), mosteiro beneditino de Samos (Lugo), Abbatia Sancta Mariae, mosteiro de Valvanera (La Rioja); á congregación solesmensis pertencen: mosteiro de Nuestra Señora de Montserrat (Madrid), abadía de Santo Domingo (Santo Domingo de Silos, Burgos), abadía Santa Cruz (Valle de los Caídos, Madrid) e abadía de San Salvador de Leyre (Yesa, Navarra). Pola súa banda, as comunidades femininas organízanse en foederatio catalana: mosteiro de Sant Pere de les Puelles (Barcelona), mosteiro de San Benet (Montserrat, Barcelona); foederatio castellana: mosteiro de Santa María de la Expectación (Cuenca), mosteiro de beneditinas de La Natividad de Nuestro Señor Jesucristo (Madrid), mosteiro de La Encarnación San Plácido, (Madrid) e mosteiro de La Purísima Concepción (Madrid); foederatio claustral-pirenaica: monasterio de san Pelayo (Oviedo) e monasterio de san Benito (Zaragoza); foederatio galaico-leonesa: mosteiro de beneditinas de San Paio (Santiago de Compostela) e mosteiro de La Ascensión (Zamora).
O hábito
O hábito dos beneditinos consta dunha túnica e dun escapulario, sobre ela unha capa con capucha para poder cubrir a cabeza. Se ben non está nada escrito sobre a cor dos hábitos, pénsase que nun principio esta puido ser branca, pois é a cor da la sen tinxir, pero tradicionalmente os beneditinos vestiron de negro, os chamados beneditinos negros, mentres que os que seguen a reforma cisterciense visten de branco e son chamados beneditinos brancos.