bénéditine*
Licor aromático, de cor amarela, duns 40° alcohólicos, que se prepara macerando en augardente de viño unha serie de produtos vexetais (herbas, raíces, cortiza, etc); despois destílase e engádeselle xarope de azucre. Foi preparado por primeira vez en 1510 polos monxes da abadía de Fécamp e a súa invención atribuíuselle ao beneditino don Bernardo Vincelli. A fórmula secreta desapareceu durante a Revolución Francesa e foi recuperada despois por un comerciante de Fécamp, chamado Alexandre o Grande, que comezou a súa fabricación. Co tempo foi fabricado por laicos. Na antiga abadía hai unha gran destilería de estilo gótico cun museo de antigüidades da localidade. Está rexistrado como marca comercial e coñéceselle tamén cos nomes de beneditino e licor dos beneditinos.