Benedicto XIII

Benedicto XIII

Nome que adoptou Pedro Martínez de Luna ao converterse en Papa (1394-1417). Está considerado como un antipapa. Estudiou Dereito en Montpellier e como canonista defendeu a plenitude do poder papal contra as teses conciliaristas. Participou, en medio das revoltas de Roma de 1378, na elección de Urbano VI, que foi declarada inválida, entre outros, polos cardeais franceses; así mesmo, participou na elección de Clemente VII en setembro de 1378, feito que deu lugar ao Cisma de Occidente (1378-1417). Morto Clemente VII, Pedro Martínez de Luna foi elixido Papa o 28 de setembro de 1394 en Aviñón, a pesar da oposición de Francia. Foi deposto no Concilio de Pisa (1409), pero negouse a renunciar. Abandonado polos últimos estados fieis (Aragón, Castela, Navarra e Escocia), encerrouse dende 1415 na fortaleza de Peníscola. Foi deposto novamente no Concilio de Constanza (1417) e excomungado. Fixo prometer a catro cardeais que o apoiaban que nomearían un sucesor. O elixido foi o cóengo de Teruel Gil Sánchez Muñoz, que adoptou o nome de Clemente VIII, aínda que abdicou en 1429.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Illueca, Aragón

  • Deceso

    Lugar : Peníscola