Benedicto XIV

Benedicto XIV

Nome que adoptou Prospero Lambertini ao converterse en Papa (1740-1758). Foi o Papa máis importante do s XVIII. Erudito canonista e reitor da Universidade de Roma, foi nomeado bispo de Ancona (1727) e arcebispo de Boloña (1731). Foi nomeado cardeal en 1728. Ao morrer Clemente XII, despois dun conclave que durou seis meses, Lambertini foi elixido Papa. Benévolo, con tendencias regalistas (concedeu amplos privilexios aos príncipes europeos), os seus concordatos realizaron amplas concesións ao poder real. Unha mostra desta prudencia diplomática é o concordato asinado con España en 1753. Mantivo o rigor doutrinal da Igrexa, aínda que mostrou benevolencia cos xansenistas e suprimiu a Inquisición en Toscana. Mostrouse intransixente con algunhas das prácticas misioneiras orientais, coñecidas co nome de “cuestión dos ritos chineses e malabares”, que prohibiu; este feito retardou a evanxelización do Extremo Oriente. Fomentou o comercio e a agricultura, realizou diversas reformas, e nas súas bulas e encíclicas regulou os matrimonios mixtos. Amosou un vivo interese pola educación e as ciencias. Fundou as cátedras de Física, Química e Matemáticas na Universidade de Roma e preocupouse por facer revivir a Academia de Boloña. Mecenas de artistas, literatos e científicos, fixo que se traducisen ao italiano os mellores títulos do inglés e francés. Deixou escritos máis de dezaseis volumes, entre os que destacan: De servorum Dei beatificatione et beatorum canonizatione (A beatificación dos servos de Deus e a canonización dos beatos, 1734- 1738), De sacrosanto missae sacrificio (O sacrosanto sacrificio da misa, 1748) e De synodo diocesana (O sínodo diocesano, 1748).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Boloña, Emilia

  • Deceso

    Lugar : Roma