Benedicto XV

Benedicto XV

Nome que adoptou Giacomo della Chiesa ao converterse en Papa (1914-1922). Doutorouse en Dereito en Xénova e comezou os seus estudios de Teoloxía na Universidade Gregoriana de Roma. En 1878 foi ordenado presbítero, entre 1885 e 1887 foi auditor do cardeal Rampolla na nunciatura de Madrid, a quen substituíu na secretaría de estado entre 1901 e 1907. Pío X nomeouno arcebispo de Boloña en 1907 e cardeal en 1914. Ao pouco de iniciarse a Primeira Guerra Mundial (1914-1918) foi elixido Papa, en sucesión de Pío X. Durante a guerra, cada un dos belixerantes quixo obter del a condena dos seus adversarios; sen embargo, o Papa mantívose neutral e intentou por medio de proposicións de paz (1.8.1917) acurtar as hostilidades dunha loita que definiu como “inútil estrago”. Ademais, condenou as violacións do dereito e da xustiza durante o conflito bélico. A guerra fixo ver a Benedicto XV a conveniencia de resolver a cuestión romana para acadar unha plena independencia de actuación. En 1919 alzou a prohibición aos católicos italianos de intervir como tales na vida política do reino e despois da guerra, Italia opúxose a que Benedicto XV desempeñase calquera papel na Sociedade de Nacións. A posguerra provocou unha distensión nas relacións diplomáticas entre a Santa Sé e algunhas nacións europeas (Francia, Gran Bretaña e os Países Baixos), feito que provocou que, por vez primeira dende o s XVII, Gran Bretaña enviase un representante ao Vaticano. Así mesmo, formalizou contactos diplomáticos cos novos estados da Europa oriental creados despois da guerra (Hungría, Checoslovaquia e Iugoslavia), e amosou gran solicitude con respecto ás Igrexas separadas de Oriente. En 1917 promulgou o Codex iuris canonici e o 30 de novembro de 1919 a encíclica Maximum illud, un fito na historia das misións. Tamén en 1917 creou a Congregación para a Igrexa Oriental e o Instituto para os Estudios Orientais. Ademais, reorganizou o Instituto Bíblico Pontificio da Vulgata e fomentou a obra da Propagación da Fe.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Pegli, Xénova

  • Deceso

    Lugar : Roma