Benevento
Benevento
Capital da provincia de Benevento, na Campania, Italia, situada na confluencia dos ríos Sábato e Calore (63.367 h [1998]). A súa industria dedícase á transformación dos produtos agrícolas. Cidade de orixe samnita, antigamente chamada Maleventum, os romanos cambiáronlle o nome polo de Beneventum e déronlle o estatuto de colonia romana despois das Guerras Samnitas (343-290 a C). Cando se produciu a caída do Imperio Romano, os godos apoderáronse axiña da cidade. No 571 pasou a mans dos lombardos, que a converteron nun ducado no 573 e despois en principado independente. En 1081 Robert Guiscard conquistouna e entregouna á Santa Sé, converténdose en feudo dos Estados Pontificios. En 1860 foi anexionada ao Reino de Italia.