Bengala

Bengala

Rexión de Asia meridional, actualmente dividida entre a India (estado de Bengala Occidental) e Bangladesh (a parte oriental). Situada entre a cordilleira do Himalaia e o golfo de Bengala, esténdese pola chaira aluvial dos cursos inferiores do Ganxes e do Brahmaputra, e polo delta dos dous ríos. Nas dúas partes fálase a mesma lingua, o bengalí; a relixión, por outra banda, é diferente (musulmáns na parte oriental e hindús na parte occidental), causa principal da división no proceso de descolonización británica. Cunha superficie de 236.322 km2 e máis de 200.000.000 h (estim 1998) é unha rexión densamente poboada (ó redor de 846 km2). O monocultivo de arroz é case totalmente dominante, co 85% da superficie cultivada. Bengala presenta ademais, un notable grao de industrialización, gracias, en boa parte, ao carbón extraído no val medio do río Damodar. No s III a C, Bengala entrou a formar parte do grande imperio dos Mauria. Coa súa chegada entrou a influencia budista, que durou máis de catorce séculos. Con grandes dificultades a dinastía Pala retívoa baixo o seu poder ata finais do s XII, cando foron expulsados polos Senas, seguidores da seita hindú vishnuíta. Cara ao 1202 foi invadida polos mahometanos liderados por Mohammed Bhakhtiyar, mentres que en 1576 foi conquistada polos mongois. Durante o s XVII foi moi frecuentada por europeos, que fundaron factorías alí. En 1757 Bengala caeu baixo a autoridade da Compañía Británica das Indias Orientais. Foi constituída provincia en 1937 e continuou sendo provincia da India británica ata finais do 1947, cando a rexión foi dividida entre Paquistán e a Unión India. A parte oriental formou parte de Paquistán e en 1971 independizouse, dando lugar a Bangladesh.