Benicarló

Benicarló

Municipio da provincia de Castelló de la Plana, na Comunitat Valenciana, situado na comarca do Baix Maestrat, na chaira de Vinaròs (19.229 h [1996]). O 86% da superficie do concello dedícase á agricultura (árbores froiteiras e oliveiras). Destaca tamén a cría das aves de curral e a actividade pesqueira. A industria, moi desenvolvida e diversificada, converteuse no primeiro sector de actividade, destacando as ramas téxtil, química, conserveira e da construción. O sector comercial e de servicios tamén é moi relevante, favorecido pola explotación dos seus recursos turísticos, contando cunha gran cantidade de establecementos de hostalería. O Rei Xaime I outorgoulle carta de poboamento en 1236. Dende 1316 formou parte da encomenda da Orde de Montesa. En 1522 Carlos I concedeulle o título de vila. Durante a guerra das Xermanías resistiu un sitio de vinte días dos insurrectos, permanecendo leal á coroa. Os carlistas incendiárona en 1837, no transcurso da Primeira Guerra Carlista. Entre o seu patrimonio arquitectónico destaca a igrexa barroca de Sant Bartomeu (1724-1743).