Benicàssim
Municipio da provincia de Castelló de la Plana, na Comunitat Valenciana, situado na comarca da Plana (9.913 h [1996]). A súa costa ten dous sectores diferenciados: un areoso, ao S, e outro rochoso, ao N. O interior é un sector montañoso que culmina no pico Bartolo, de 736 m de altitude. O 50% da superficie do concello dedícase á explotación forestal. En canto á agricultura, os principais cultivos son hortalizas, cítricos, vide e oliveiras. As actividades industriais céntranse nos sectores téxtil, alimentario, madeireiro e papeleiro. As praias do seu litoral convertérono nun núcleo turístico no que proliferaron sobre todo as segundas residencias. Situado nun eixo natural de comunicación (a estrada de València a Barcelona pasa por alí), atopáronse restos romanos e dun casarío dos tempos da dominación islámica. En 1603 outorgóuselle a carta de poboamento. Entre o seu patrimonio monumental destaca a igrexa de Sant Tomàs de Villanueva (s XVIII) e as ruínas do castelo de Montornès.