Benidorm

Benidorm

Municipio da provincia de Alacant, na Comunitat Valenciana, situado na comarca da Marina Baixa, ao fondo dun sinclinal entre a gorxa do Llamp e a serra Gelada (50.040 h [1996]). O seu litoral, resolto en longas praias, converteuno nun dos principais centros turísticos do estado español. Dispón de 34.275 prazas hostaleiras en 145 establecementos (1998), 18.947 apartamentos dedicados ao aloxamento turístico e 4.562 prazas en 9 cámpings. O sector desenvolveuse a partir da década de 1960. En 1997 recibiu 1.022.768 turistas que pasaron un total de 9.450.847 noites en hoteis. A eles hai que engadirlles os que se aloxaron en cámpings (4.019 noites) e en apartamentos (36.340.935 noites), do que resulta un total de visitantes estimado en 5.184.169 persoas. O 56% dos turistas procedían do estranxeiro, máis da metade deles do Reino Unido. A ocupación hostaleira supera o 99% nos meses de xullo, agosto e setembro. O mes máis frouxo para o sector é xaneiro, no que o grao de ocupación descende ata o 82%. A media anual sitúase no 92,65%; fóra da tempada estival a afluencia componse principalmente de persoas da terceira idade, que acoden a Benidorm atraídos pola benignidade climática e beneficiándose das ofertas que os hostaleiros fan en colaboración cos servicios de protección social co obxectivo de manter o nivel de actividade e emprego no sector. A oferta de emprego na hostalería provocou a chegada dun gran número de inmigrantes, de feito, entre os habitantes de Benidorm só o 39,5% é natural da Comunitat Valenciana. O 18,5% dos empadroados son de orixe andaluza e o 7,9% manchegos. Os nacidos no estranxeiro son o 9,5% da poboación, e deles as tres cuartas partes son europeos e o 13% sudamericanos. Os galegos son o 1,1% da poboación. Benidorm experimentou dende 1960 (6.202 h) un incremento demográfico de máis do 800%, parello ao desenvolvemento da actividade turística.