Benigno de Dijon, san

Benigno de Dijon, san

Patrón da cidade francesa de Dijon. Sendo sacerdote de Esmirna (Asia Menor), foi enviado polo seu mentor, san Policarpo, a evanxelizar Galia. Desembarcou en Marsella e dirixiuse a Autun conducido por un anxo. Ao chegar a Dijon, negouse a participar nun sacrificio a Xúpiter que ofrecía o gobernador Aureliano, desobediencia que sería a causa dun longo martirio. Primeiro foi azoutado cunhas correas pero un anxo curouno. Logo obrigárono a comer as carnes dos sacrificios e metéronlle entre as uñas dos dedos ferros quentes. Encerránono, seguidamente,   xunto con doce cans famentos, pero seis días despois atopárono deitado no seu leito tranquilamente. Os verdugos, buscando un suplicio ao que fose vulnerable, metérono nunha artesa de pedra con chumbo fundido, partíronlle o colo cunha barra de ferro e traspasáronlle o peito con dúas lanzas entrecruzadas. A lenda remata relatando que cando a súa alma saíu do corpo, os cristiáns de Dijon viron unha pomba branca voar cara ao ceo. É patrón da cidade de Dijon. Segundo algúns dos seus haxiógrafos, a súa historia sería unha especie de dobrete do megalomártir bizantino Banignos, forxado polo clero borgoñón para reforzar a pretendida apostolicidade da igrexa de Dijon. A súa festa celébrase o 13 de febreiro.