Bentham, Jeremy

Bentham, Jeremy

Filósofo, político, xurista e economista inglés, representante principal do utilitarismo. Licenciouse en Dereito en Oxford en 1772. Procedente dunha familia tory, evolucionou desde a crítica da concepción whig ata a aceptación do radicalismo democrático. Entrou no xogo político en 1808 e propugnou a implantación dun sufraxio case universal. Desde 1814 converteu a súa casa nun centro de intercambio cultural, foco do movemento utilitarista. Participou na elaboración dalgunhas leis inglesas, influíu na reforma de leis penais e procesuais de diversos países e traballou no eido da reforma penitenciaria. Neste último eido elaborou, por encargo de Xurxo III, un modelo de cárcere (o Panopticon) aplicable a prisións, manicomios e establecementos análogos. Adscrito ao pensamento liberal de Adam Smith, a súa orixinalidade provén da formulación dun programa de política económica que preveu a acción estatal a fin de obter unha maior igualdade, por iso foi considerado o economista práctico da Revolución Industrial. A súa concepción filosófica baséase no principio que busca a felicidade para o maior número de persoas. Influíu máis no terreo xurídico, político e económico ca no filosófico. Publicou: An introdution to the principles of moral and legislation (Introdución aos principios de moral e lexislación, 1789), onde preconizaba que toda norma, institución ou acto humano deben ser xulgados segundo a súa utilidade, é dicir, segundo o pracer ou sufrimento que proporcionen ás persoas; Manual of political economy (Manual de política económica, 1825) e Deontology (Deontoloxía, 1834).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Houndsditch

  • Deceso

    Lugar : Londres