Beocia
Rexión histórica e nomós de Grecia Central, situada entre o canal de Eubea, a Ática, o golfo de Corinto e as montañas de Lócrida, (2.952 km2; 134.108 h [1991]). A capital é Levadia. As cidades máis importantes da antiga rexión foron Tebas, a súa principal cidade, Orcomen, Platees, Tanagra, Leutres e Queronea. A poboación orixinaria procedía do N do Epiro e foi desprazada polos tesalios durante a invasión doria (1200 a C). Cara á fin do s VII a C comezouse a constituír a Liga Beocia, da que Tebas chegou a ser axiña a capital; acadou o máximo esplendor nos ss V e IV a C. Durante a Segunda Guerra Médica aliouse cos persas (479 a C) e na guerra do Peloponeso aliouse cos espartanos en contra de Atenas. Tebas resistiu a hexemonía de Esparta e converteuse en cabeza hexemónica da Grecia continental ata a Batalla de Mantinea (362 a C) e a morte de Epaminondas. Alexandre destruíu Tebas e deu liberdade ao resto de cidades beocias. A última Liga Beocia foi desfeita polos romanos despois de vencer a Liga Aquea (146 a C).