Bera

Bera

Municipio da Comunidad Foral de Navarra (Nafarroa), situado na comarca das Bortziriak, no extremo NO da comunidade, drenado polo río Bidasoa (3.480 h [1996]). Situado na estrada nacional N-121 de Iruña a Irún, localízase nun eixe de comunicacións entre Gipuzkoa, Nafarroa e o Lapurdi, feito que favoreceu a presenza no seu termo de actividades industriais, sector que emprega o 68% dos traballadores do concello. Siderometalúrxicas, plásticos, madeira e mobles, pensos e industrias alimentarias son as ramas predominantes. O primario só acolle o 8% da poboación ocupada (gandería bovina, porcina, ovina e cría de pato para foie-gras). Terra de vascóns na que nin romanos nin visigodos nin musulmáns exerceron a súa influencia. Cando Afonso VIII de Castela se apoderou de Gipuzkoa (1200), a vila transformouse en fronteira entre os reinos de Castela e Aquitania, e os beratarras convertéronse en homes de guerra. Por mor desa condición gozaron dunha administración democrático-asemblearia, pero tamén sufriron as consecuencias da guerra, con saqueos e queimas como en 1411. En 1512, Bera colaborou con Fernando o Católico na conquista do Reino de Navarra. A partir de entón foi escenario das loitas entre as coroas francesa e hispánica: foi queimada polos franceses o 16 de xullo de 1638. Trala Revolución Francesa, en 1794, foi de novo campo de batalla. O Rei Xosé I Bonaparte pernoctou nela en 1808 e Bera volveu ser testemuña do conflito, coa loita entre bonapartistas, españois e ingleses. Durante o s XIX as guerras carlistas foron as que perturbaron a paz en 1838, 1872 e 1873.