Berbetouros
Berbetouros
[HIST/HERÁLD]
Liñaxe que tivo a súa orixe na freguesía de Berbetouros, concello de Palas de Rei, nome que colleron por apelido. Nos tratados heráldicos este apelido adoita aparecer coa forma correspondente castelá Berbetoros. Adquiriron gran patrimonio e poder en Portomarín, sobre todo trala decadencia dos Piñeiro e entroncaron cos marqueses de Bóveda de Limia. Levan como armas: en campo de ouro, un piñeiro arrincado de sinople e flanqueado por dous touros enfrontados en actitude de acometerse. Outra variante trae: en campo de ouro, unha árbore de sinople, terrazado do mesmo esmalte, acompañado de dous touros de sable, pasantes e enfrontados, un a cada lado e superado dunha ave da súa cor. Outros usan, en campo de goles, unha estacada de ouro.