Berenguel de Landoira
Dominicano francés. Membro da familia dos condes de Rodez. En 1282 ingresou na Orde dos Predicadores, da que foi elixido mestre xeral en 1312. Debido ao seu talante reformador, centrou a súa atención sobre a organización dos estudios, a observación da vida regular e deu un novo pulo ao labor misioneiro. Participou activamente nos problemas que afectaban á corte pontificia de Aviñón e, en 1317, integrou a legación enviada polo Papa Xoán XXII á corte de Borgoña e a Flandres. Foi nomeado arcebispo de Santiago de Compostela (1318-1330) por imposición do Papa Xoán XXII, dada a incapacidade do cabido compostelán, dividido en dous bandos, de propoñer un único candidato como sucesor de Rodrigo de Padrón. Durante a súa prelatura tivo que loitar contra os nobres e os burgueses de Santiago de Compostela, que pretendían que a cidade fose de reguengo. Os composteláns estaban apoiados polo infante Filipe e o seu mordomo Afonso Suárez de Deza, que detentara na sede vacante a tenencia das fortalezas episcopais. Durante os anos que durou o conflito, Berenguel tivo que refuxiarse ante as murallas de Compostela, na fortaleza arcebispal da Rocha, e despois en Padrón e Pontevedra. En febreiro de 1319, Berenguel tratou de gañarse ao infante Filipe confirmándoo como pertigueiro maior de Compostela; sen embargo, non acadou ningunha mellora, como tampouco lle serviran de nada as distintas penas coas que fulminou os rebeldes composteláns no sínodo celebrado en Noia no outono de 1319. Finalmente, recibiu o apoio e as garantías dos rexentes de Castela para a restitución da cidade de Compostela e regresou a Galicia, onde iniciou as negociacións cos representantes da cidade xacobea. Enfrontouse a Alonso Suárez de Deza, a quen finalmente venceu na Rocha o 16 de setembro de 1320 e entrou na cidade; nos meses seguintes consolidou o seu señorío sobre a Terra de Santiago. Participou no concilio nacional de Palencia-Valladolid (1321-1322), onde obtivo os privilexios reais confirmatorios das prerrogativas da súa Igrexa. Encomendado polo Papa, viaxou a Portugal para concordar ao Rei Dinís e ao seu fillo o infante Alonso. Próximo aos intereses de Aviñón, foi o encargado de apropiarse e transferir á Cámara pontificia os espolios dos bispos de Tui, Xoán Fernández de Soutomaior e Simón, mortos en 1323 e 1326 respectivamente. Buscou a colaboración do cabido compostelán para promulgar unha serie de constitucións capitulares: sobre a celebración das festas litúrxicas (1326), a predicación na catedral (1326) ou a regularidade e residencia do clero catedralicio (1329). Así mesmo, organizou a tesourería da catedral, fixou o cargo e atribucións do tesoureiro (1325) e designou a colaboradores franceses para cargos de responsabilidade. Mellorou e ampliou o aparato defensivo da igrexa compostelá: rematou a Torre da Trindade, construíu a chamada Berenguela (hoxe Torre do Reloxo) e edificou unha fortaleza próxima ao pazo arcebispal. En canto ao seu mecenado artístico, en 1322 encargou a construción do relicario da catedral para gardar a cabeza do apóstolo Santiago Alfeo. Convocou concilios provinciais en 1324 e 1327, e sínodos diocesanos en 1319, 1320, 1322 e 1328.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Solmiez -
Deceso
Lugar : Sevilla