Bergamo

Bergamo

Capital da provincia de Bérgamo, na Lombardía, Italia (117.193 h [1998]). Situada entre os vales dos ríos Brembo e Serio, é un activo centro agrícola, comercial e industrial. Da cidade sobresaen a catedral (1459-1650), a igrexa de Santa Maria Maggiore (1132-1400), a capela Colleone (1476), obra mestra de Giovanni Antonio Amadeo, e a Accademia Carrara, unha das pinacotecas máis ricas de Italia. Cidade de orixe celta, converteuse en centro do ducado longobardo. Foi dominada polos Visconti do 1329 ao 1427, ano en que pasou a formar parte da República Veneciana.