Berganza, Teresa

Berganza, Teresa

Mezzosoprano. Estudiou en Madrid con Lola Rodríguez de Aragón. A súa voz é moi persoal e particularmente recoñecible, de belísima cor e cun centro rico, corpóreo e cálido, con gran facilidade para as axilidades. Ofreceu o seu primeiro concerto no Ateneo de Madrid (16.2.1957). O seu debut operístico foi en xullo de 1957 no festival de Aix-en-Provence, interpretando a Dorabella do Così fan tutte mozartiano, baixo a dirección de Hans Rosbaud. Actuou nos principais festivais e teatros de ópera do mundo (Covent Garden de Londres, Scala de Milán, Metropolitan de Nova York, Colón de Bos Aires, etc), xunto a figuras como María Callas, Jon Vickers ou Mirella Freni e colaborou con prestixiosos directores de orquestra como Karajan, Solti, Mehta ou López Cobos. Carmen de Bizet foi un dos papeis emblemáticos na súa carreira, interpretado no festival de Edimburgo (22.8.1977), coa dirección musical de Claudio Abbado e escénica de Piero Faggioni. O seu repertorio inclúe ademais Charlotte do Werther e a Dulcinea do Don Quichotte de Massenet, Dido do Dido e Eneas de Purcell, etc. Apareceu como Zerlina na película de Joseph Losey do Don Giovanni de Mozart (1979). García Abril compúxolle o ciclo de cancións Homenaxe á poesía galega, sobre poemas de Cabanillas, Cunqueiro, Ferreiro e outros poetas galegos, estreada no Auditorio de Galicia (1993). A súa discografía inclúe óperas (Carmen, Così fan tutte, Don Giovanni, La Cenerentola, entre outras); obras vocais (El amor brujo, El sombrero de tres picos e Atlántida de Falla ou Gloria e Magnificat de Vivaldi, etc) e numerosas zarzuelas (El puñao de rosas, Los claveles de Serrano, entre outras). O Real Musical publicou o seu libro autobiográfico de memorias Flor de soledad y silencio, meditaciones de una cantante (1989).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Madrid