Berlín

Berlín

Capital de Alemaña e do land homónimo, situada nunha chaira nas beiras do río Spree (891 km2; 3.425.759 h [1998]). A cidade, nacida nunha pequena illa formada polo río Spree, estendeuse axiña pola chaira circundante. O Gran Berlín (Gross Berlin) foi construído pola anexión de numerosas aglomeracións da área urbana. Antes da Segunda Guerra Mundial producírase unha disposición do hábitat urbano en forma concéntrica: o núcleo orixinario central ía quedando despoboado e nos seus arredores foise formando un cinto comercial, con almacéns e oficinas. As destrucións ocasionadas pola Segunda Guerra Mundial e a posterior división de Berlín levaron á creación de dúas cidades practicamente novas: o Berlín Occidental e o Berlín Oriental. O Berlín Occidental foi reconstruído segundo o trazado das rúas antigas, mentres que o Berlín Oriental se fixo segundo un plano de conxunto. Orixinariamente, na cidade había dúas comunidades, Kölln e Berlín, que se mantiveron separadas ata 1710. No s XIV, en pleno desenvolvemento económico, Berlín adheriuse á Hansa. Pero a verdadeira importancia da cidade provén do establecemento dos Hohenzollern, electores de Brandenburgo desde 1415, que a escolleron como residencia. Convertida en capital do Reino de Prusia, foi un importante centro da vida artística e literaria. Despois da ocupación napoleónica (1806-1808) comezou unha época de grande esplendor intelectual (fundación da universidade en 1810) e de rápida industrialización. Capital do imperio en 1871, entre esta data e 1939, a poboación cuadruplicouse. Tiveron lugar importantes loitas sociais promovidas polo movemento obreiro alemán que culminaron coa revolta dos espartaquistas; unha vez reprimido o movemento, a cidade quedou inmersa no proceso que culminou co triunfo nazi nas eleccións. Durante a Segunda Guerra Mundial padeceu bombardeos intensos que a devastaron e foi escenario dos últimos combates entre os exércitos ruso e alemán. O 2 de maio de 1945 Hitler suicidouse no seu búnker berlinés e o 8 de maio asinouse en Berlín a acta de rendición e capitulación das forzas armadas alemanas. De acordo coa declaración de Berlín do 5 de xuño de 1945, a división de Alemaña efectuaríase en catro zonas administradas por unha comisión cuatripartita, integrada por Francia, Reino Unido, EE UU e a URSS. O 20 de outubro de l946 tiveron lugar unhas eleccións nas que a SED (Sozialistische Einheitspartei Deutschlands), que defendía a unificación dos catro sectores, non acadou o respaldo popular que agardaba. O 24 de xuño de 1948, polos desacordos entre os aliados, sobre todo a causa da reforma monetaria decretada polos occidentais, os soviéticos declararon o bloqueo de Berlín, que non foi abandonado ata o 12 de maio de 1949 e que resultou en gran medida paliado grazas á ponte aérea posta en marcha polos EE UU, que permitía o abastecemento de Berlín por vía aérea. Despois de que os 26 deputados do SED se retirasen da asemblea da cidade o 30 de novembro de 1948 e de que elixisen a F. Ebert como burgomestre do sector oriental, a división de Berlín en dúas partes quedou consumada. A afluencia constante de refuxiados a Berlín Occidental fixo que o goberno da RDA, preocupado por esta perda de man de obra, erixira o muro de Berlín (agosto de 1961). A incorporación gradual do Berlín Oriental á estrutura lexislativa da RDA provocou diversas tensións entre os dous bandos, en plena Guerra Fría. O 9 de novembro de 1989 produciuse a caída do muro. No ano 1990, a raíz da reunificación da Alemaña Oriental coa Occidental, Berlín recuperou o status de capital de Alemaña.   Desde o ano 2000 o Parlamento Alemán celebrou as súas sesións no edificio histórico do Reichstag. En canto ao Patrimonio cultural cómpre salientar, en primeiro lugar, que Berlín foi unha cidade devastada durante a Segunda Guerra Mundial e aínda que nos anos posteriores se levaron a cabo labores de reconstrución, perdéronse moitos edificios. Da Idade Media consérvanse diversas igrexas como a Alto-Tempelhof, refeita en 1956, pero que conserva unha ventá de arco redondo da época; a Alto-Mariendorf, erixida polos templarios no s XIII; a Alto-Britz, enmarcada no contorno dun estanque, do 1300; a Alto-Bukow, gótica, e a Alto- Marienfelde tamén construción dos templarios (1220), situada nunha devesa en medio da cidade. No bosque de Grünewald hai un pavillón renacentista do s XVI con engadidos do s XVIII. O edificio do Arsenal, mostra barroca (1695-1706) deseñada por Andreas Schlüter, acolle un museo histórico. A consecuencia da revogación do edicto de Nantes, numerosos artistas franceses establecéronse na cidade. Do s XVII é o barrio dos franceses, situado en torno á praza da Academia. No s XVII o grande elector Federico Guillermo impulsou o desenvolvemento das artes en Berlín. Corresponde ao reinado de Federico I a construción do castelo de Charlottenburg, obra de Arnold Nering e sede do museo de Artes Decorativas. A porta de Brandenburgo (1788-1791), obra de Langhans, está inspirada nos propíleos de Atenas e coroada por un grupo escultórico de Gottfried Schadow, xunto a ela consérvase parte do muro que dividiu a cidade. O acceso desta porta estivo pechado ata 1989. Do s XVIII é a ópera estatal (1743), a biblioteca estatal (1774-1780) e a catedral de Santa Eduvigis (1747-1773). No s XIX construíuse o Reichstag (1884-1894), reformado para albergar a sede do novo parlamento trala unificación polo arquitecto Norman Foster, conta cunha nova estrutura interna e cunha cúpula de vidro aberta ao público. Dos anos anteriores á guerra é o estadio olímpico de 1936. Os bombardeos da Segunda Guerra Mundial, que prexudicaron moitos monumentos de Berlín, fixeron posible, por contra, interesantes experiencias urbanísticas para a reconstrución posterior. Como mostra da inutilidade da guerra, consérvase a torre en ruínas da Kaiser Wilhelm Gedächtniskirche (igrexa conmemorativa do Emperador Guillerme, 1891-1895). Tamén conmemorativa é a escultura Trummerfrauen (mulleres dos cascallos), en lembranza das mulleres que recolleron os cascallos da cidade trala guerra, e o monumento soviético da vitoria que lembra os soldados soviéticos que participaron na guerra. Traballaron na reconstrución da cidade arquitectos como Hans Scharoun, Oscar Niemeyer, Le Corbusier, etc. Berlín conta con tres zonas museísticas: os museos de Dahlem, que albergan mostras de etnografía, arte islámica, asiática, india e as seccións de pintura e escultura no Tiergaten; a Kemper Platz; e a illa dos museos que acolle o museo Pergamon onde ademais do altar de Pérgamo se amosa unha colección de arte grecorromana e asiática, o museo Bode que posúe mostras de arte bizantina e do antigo Exipto, a Galería Nacional (1866-1876) onde se expoñen pinturas do s XIX. Outras construcións salientables son a ópera cómica, o teatro Schiffbauerdamm, o teatro Hebbel, a casa neoclásica Schloss Humboldt, o complexo Centro Europa (1963-1961) e a Sala de Congresos (1957).