Bermeo

Bermeo

Municipio de Bizkaia, Euskadi, situado á beira do Mar Cantábrico, ao NO da ría de Gernika (17.176 h [1996]). Porto pesqueiro cunha importante industria conserveira. Semella que a colonia de Flaviobriga, mencionada por Plinio, é o Bermeo actual. É vila dende 1236, cando recibiu a carta foral de Lope Díaz de Haro, señor de Bizkaia. Durante a Baixa Idade Media o seu porto consolidouna como o principal centro comercial do territorio biscaíño. Politicamente ostentou o título de Cabeza de Bizkaia e os seus representantes gozaron dun papel preeminente nas xuntas de Gernika. O auxe de Bilbao rematou por imporse e relegar a Bermeo a un plano subordinado. Entre o seu patrimonio monumental destaca a igrexa gótica de Santa Eufemia e o convento de San Francisco (1357).