Bermúdez
-
[ONOM]
Apelido de tipo patronímico. Formouse a partir do nome persoal de orixe xermánica Bermudo, variante gráfica de Vermudo, que procede das voces góticas baira ‘xabaril’ e munds ‘axuda, protección’. Como apelido xa se documenta no s X: “Gugina Veremudiz” (doc ano 929 en E. Rivas Quintas Onomástica persoal do noroeste hispano, 1991, p 368), “Egika Vermudiz” (doc ano 998 en E. Rivas Quintas Onomástica persoal do noroeste hispano, 1991, p 368).
-
[HIST/HERÁLD]
Liñaxe natural da parroquia de Montaos, en Ordes. Unha rama estableceuse no val de Nogueira, en Bergantiños; outra deu orixe á poderosa casa-fortaleza da Penela. Tamén se estableceron en Negreira, Betanzos e Verín. Os da casa de Allo, partido de Corcubión, pasaron ao Nuevo Reino de Granada. Os Bermúdez de Castro foron moi poderosos en Montemaior, Laracha, disque teñen como tronco os Suero Bermúdez de Montaos, proxenitores de Inés Bermúdez, quen casou con Fernando Ruiz de Castro, fillo ilexítimo do conde de Lemos. Deste xeito ambos xunguiron definitivamente os dous apelidos, recaendo neles o marquesado de Montaos. Espalláronse por toda España e América, fundando casas en Zaragoza, Segovia, Ciudad Real, Albacete, Castropol ou Palos de Moguer, de onde pasaron a Lima; dos da Pobra do Caramiñal e Mondoñedo proceden os do Nuevo Reino de Granada. As súas armas levan escudo axadrezado de ouro e goles. Outra variante ostenta axedrezado de prata e goles: oito xadreces de goles e sete de ouro; oito xadreces de ouro e sete de goles; oito xadreces de sable e sete de ouro; bordo cunha cadea de ouro (armas dos Bermúdez de Castro); dezaseis xadreces de prata e sable; escudo equipolado de quince puntos de ouro e sable; bordo de ouro, cargado dunha cadea de azul. Os Bermúdez de Portugal usaban escudo partido: primeira partición, en campo de goles, con sete redomas de ouro; segunda partición, axadrezado de dezaoito pezas, nove de ouro e nove de goles.