Bernabeu, san
Segundo a tradición, Bernabeu ‘fillo da profecía’ foi o sobrenome que lle puxeron nos Feitos dos Apóstolos a Xosé Halevi, xudeu de Chipre, co significado de ‘fillo da profecía’. Foi discípulo de Cristo e predicou o evanxeo en Chipre e Asia Menor. Presentoulle aos apostolos a Paulo en Xerusalén e despois acompañouno na súa primeira viaxe por Asia Menor onde, despois de protagonizaren diversos milagres, foron considerados como deuses. Tertuliano asígnalle a epístola aos hebreos, que o Novo Testamento considera da autoría de san Paulo. Atribúeselle tamén a curación de enfermos levando na man o evanxeo de san Mateo. Sufriu martirio no seu país natal no ano 63: foi lapidado e despois queimado vivo polos xudeus. San Bernabeu é titular de 6 parroquias galegas e a súa festividade celébrase o 11 de xuño. Numerosos ditos espallados na tradición oral recollen o nome deste santo: “Día de san Bernabel, nin na terra nin no fardel” que alude a que esa é a data ideal para segar o centeo, “Día de san Bernabeu, está o sol no máis alto do ceu”, “O día de san Bernabé creba o centeo polo pé”, “por san Bernabeu tira o boi a mosca e á besta lle vén”, etc.