Bernaldo de Claraval, san

Bernaldo de Claraval, san

Abade e reformador cisterciense. En 1112 entrou no mosteiro de Císter (Citeaux). En 1115 fundou o mosteiro de Clairvaux (Claraval), que gobernaría deica á súa morte. Puxo a orde ao servizo do papado, intervindo nos asuntos políticos e relixiosos da época: fixo campaña a favor do Papa Inocencio II contra o antipapa Anacleto; no 1146 predicou en Vezelay a segunda cruzada (1147-1148). Foi adversario doutrinal de Abelardo (Concilio de Sens de 1141) e de Gilbert de la Porrée (Concilio de Reims de 1148); polemizou cos cluniacenses; escribiu contra os cátaros de Colonia e refutou os de Languedoc. Foi un dos propagadores do culto a María, defendendo a súa maternidade virxinal aínda que sen aceptar a Inmaculada Concepción, o que motivou que moitas igrexas fundadas polos cistercienses estivesen baixo a advocación de santa María. Así mesmo, malia a súa aversión á arte, especialmente á escultura, proscrita nos templos do Císter enriqueceu a iconografía mariana. A súa reforma litúrxica constitúe un preludio da que farían despois Lutero e Calvino. A Lenda dourada atribúelle moitos milagres: as tentacións do demo e as aparicións de Cristo e da Virxe. En relación con María destaca o milagre da lactancia: estando en oración diante dunha imaxe dela, esta aperta un seo e zorríchalle unhas pingas de leite nos labios, pois estaban secos de tanto cantar loores da Nai de Deus. Este milagre interprétase como unha metáfora da súa elocuencia, o que lle valeu o título de “doutor melifluo”, polo seu verbo doce e vital. Bernaldo foi o cabaleiro da Virxe ao xeito trobadoresco do amor cortés, propio da época. Foi canonizado en 1174 por Alexandre III e Pío VIII, quen o declarou doutor da Igrexa Católica (1830). A súa orde do Císter estendeuse por toda a cristiandade occidental medieval. Considérase patrón da Borgoña e tamén dos apicultores e cerdeiros; en Galicia é avogoso dos partos.Bernaldo de Quirós, Cesáreo (Gualeguay 1879 - Bos Aires 1968) Pintor. Estudiou pintura en París e Roma. Influenciado polo impresionismo francés, na súa obra reflicte a vida da Pampa arxentina. Entre os seus cadros destacan: Lanzas y guitarras, El juez federal e Autorretrato. Recibiu a medalla de ouro nas exposicións internacionais de Saint Louis e de Arte do Centenario (1910).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Fontaineslès, Dijon

  • Deceso

    Lugar : Claraval, Borgoña