Bernanos, Georges
Escritor. Dedicouse ao xornalismo e tivo unha grande actividade como monárquico e católico intransixente. En 1926 publicou Sous le soleil de Satan (Baixo o sol de Satán) coa que obtivo un enorme éxito, e a continuación outras dúas novelas: La imposture (A impostura, 1927) e La joie (A ledicia, 1929). Instalouse en Mallorca en 1935 e en 1936 apareceu a súa obra mestra, Journal d’un curé de campagne (Xornal dun crego de aldea). Enfrontado aos acontecementos políticos e sociais dos anos trinta e corenta, escribiu: La grande peur des bienpensants (O gran medo dos conformistas, 1931); Les grands cimetières sous la lune (Os grandes cemiterios baixo a lúa, 1938), testemuño das execucións en Mallorca durante a Guerra Civil española; Lettre aux anglais (Carta aos ingleses, 1942) e La France contre les robots (Francia contra os robots, 1944). A súa peza teatral Dialogues des Carmélites (Diálogos dos Carmelitas, 1949) é unha obra capital da dramaturxia cristiá. Entre os seus títulos cómpre salientar ademais: Nouvelle histoire de Mouchette (Nova historia de Mouchette, 1937) e Écrits de combat (Escritos de combate, 1944). Nas súas obras, a dor do mundo, a fidelidade a Deus, a dignidade humana e o satanismo do mal constitúen temas clave.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : París -
Deceso
Lugar : Neuilly