Bernoulli
Familia de científicos orixinaria de Anveres, descendente de Jakob Bernoulli , emigrado a Frankfurt a causa da persecución relixiosa do duque de Alba, e establecida en Basilea a partir de 1622. Os Bernoulli máis destacados foron os irmáns Jakob Bernoulli e Johann Bernoulli e o seu sobriño Nikolaus Bernoulli (Basilea 1687 - 1759), profesor de Matemáticas en Padua e Dereito en Basilea, que estudiou as series infinitas e as funcións diferenciais. Os fillos de Johann foron Daniel Bernoulli , Johann II Bernoulli (Basilea 1710 - 1790), profesor de Matemáticas da Universidade de Basilea que traballou en óptica, termoloxía e magnetismo, e Nikolaus II Bernoulli (Basilea 1695 - San Petersburgo 1726), profesor de Xurisprudencia en Berna e de Matemáticas en San Petersburgo, e os fillos de Johann II, Jakob II Bernoulli (Basilea 1759 - San Petersburgo 1789), matemático e médico, profesor de Matemáticas na Universidade de San Petersburgo, e Johann III Bernoulli (Basilea 1744 - Köpenick 1807), matemático e astrónomo, director do departamento de Matemáticas da Deutsche Akademie der Wissenschaften de Berlín.