Berredo, Santa Baia de

Berredo, Santa Baia de

Igrexa parroquial situada no concello da Bola. Formou parte dun mosteiro documentado nun diploma de 999 incluído no tombo de Celanova, no que o monxe Gaudinas fai unha doazón ao abade Manilano, ao prepósito Cresconio e máis aos monxes de Celanova. Do s X destaca a presenza dunha ventá con catro arquiños de ferradura. Alberga no interior un retablo barroco. A actual igrexa é resultado da ampliación da capela do Pazo de Berredo, de planta rectangular hoxe está moi transformado ao ser dividido en dúas vivendas. Nun dos seus ángulos presenta un garitón con seteiras e no ángulo contrario unha escaleira que conduce a unha solaina. Nun lintel aparece unha inscrición de 1582. O escudo porta unha cartela que fai referencia aos Puga. Próximo á igrexa atópase a capela de San Lourenzo.