Bertoni, Giulio

Bertoni, Giulio

Filólogo románico e crítico literario. Foi discípulo en Turín de Rodolfo Renier e Arturo Graf; logo estudiou en Florencia baixo a orientación de Pio Rajna e en Paris con P. Meyer, A. Jeanroy, J. Gilliéron e A. Thomas. Profesor nas universidades de Friburgo, Turín e Roma, fundou e dirixiu a revista Archivum Romanicum (1917-1941) e Cultura Neolatina (1941), e codirixiu o Giornale storico della letteratura italiana (1922). Estudiou a lingua como un medio de comunicación (lingua) e de expresión estilística (linguaggio). Colaborou con Matteo Bertoli, con quen asinou o Breviario di Neolingüistica (Breviario de Neolingüística, 1925), que contén os principios básicos da linguística espacial. En 1936 fundou o Instituto de Filologia Romanza, centro de estudios de prestixio e de moita actividade investigadora. Por iniciativa súa instituíuse o primeiro lectorado de Lingua e Literatura portuguesas en Italia. Desde 1952 foi académico da lingua de Italia. Na súa actividade filolóxica os estudios provenzais tiveron sempre un papel dominante. Do seu inxente labor investigador dá boa conta a súa bibliografía formada por trescentos setenta e nove títulos. Dos seus traballos relacionados coa literatura galego-portuguesa destacan: “Pastorelle portoghesi” (Pastorelas portuguesas), “Alfonso di Castiglia e il provenzalismo della prima lirica portoghese” (Afonso de Castela e o provenzalismo da primeira lírica portuguesa) e a antoloxía Antiche poesie portoghesi (Poesía portuguesa antiga).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Modena

  • Deceso

    Lugar : Roma