Besarabia

Besarabia

Rexión da Europa Oriental que se estende polos vales baixos dos ríos Prut e Dniéster ata o Mar Negro, e que ocupa a maior parte de Moldavia, nunha faixa que se prolonga en dirección NO-SL ao N da conca do Danubio. En total abrangue unha superficie de máis de 45.000 km2, entre os 46°-48° de latitude N e os 28°-30° de lonxitude L. Área de transición entre oriente e occidente, a composición étnica da poboación é moi heteroxénea: a maioría moldava (ou romanesa), que é máis da metade do total e habita principalmente na metade occidental, convive con importantes minorías de ucraínos, rusos, xudeus e búlgaros; os ucraínos e os rusos están establecidos sobre todo na parte oriental. Morfoloxicamente, pódense distinguir dúas grandes unidades: a primeira, ao S, é unha gran chaira cuberta de vexetación esteparia. No centro e no N, o relevo érguese e tórnase máis abrupto, modelado polas incisións fluviais. Malia a súa proximidade ao Mar Negro, a situación occidental do país respecto do litoral mingua a influencia das masas de aire de procedencia mariña, feito acentuado tamén polas relativamente pequenas dimensións do mar, converténdoo nun espazo sometido a un dominio climático con trazos continentais, caracterizado por unhas temperaturas extremas rigorosas, tanto no inverno coma no verán. Besarabia é unha área esencialmente agrícola e gandeira. Habitada por nómades escitas, no ano 106 o Emperador romano Traxano incorporouna á provincia da Dacia, mandando construír dúas murallas, unha no centro e outra ao S da rexión. Permaneceu baixo a administración imperial romana ata o s III, cando foi invadida polos godos. A partir de entón, converteuse en vía de penetración de numerosos pobos procedentes de Asia (besos, ugros, cumanos, etc) que se estableceron no territorio máis ou menos provisionalmente. En 1367 incorporouse a Moldavia, sufrindo as invasións tártaras e turcas. Besarabia foi obxecto de disputa entre otomanos e rusos ata a Paz de Berlín de 1878, que a incorporou definitivamente a Rusia. Trala desmembración da Unión Soviética, a maior parte quedou incluída na República de Moldavia, mentres que unha pequena porción do seu territorio meridional permaneceu integrada en Ucraína, seguindo a división administrativa establecida pola URSS.