Betanzos
Comarca do NO da Comunidade Autónoma de Galicia, situada no interior do Golfo Ártabro. Esténdese aproximadamente entre os 43°05’ aos 43° 20’ de latitude N e os 7° 30’ aos 8° 25’ lonxitude O. Limita ao N coa ría de Betanzos e coa comarca do Eume, (en concreto cos concellos de Pontedeume e Monfero), ao L coa comarca da Terra Chá (concello de Guitiriz), ao S coas comarcas de Ordes, Arzúa e Terra de Melide, e ao O coa comarca da Coruña (concellos de Abegondo e Bergondo). Abrangue unha superficie de 676,49 km2nos que acolle poboación total de 39.348 h, distribuídos nos concellos de Aranga (120,18 km2; 2.448 h), Betanzos (24,25 km2; 12.296 h), Cesuras (79,61 km2; 2.733 h), Coirós (33,63 km2;1.553 h), Curtis (116,6 km2; 4.523 h), Irixoa (68,23 km2;1.768 h), Miño (32,52 km2; 4.870 h), Oza dos Ríos (71,92 km2; 3.240 h), Paderne (39,93 km2;2.758 h), Vilarmaior (30,37 km2; 1.412 h) e Vilasantar (59,25 km2; 1.707 h). Betanzos é a cidade rectora da comarca, un importante núcleo funcional tanto pola súa área de mercado como pola súa consolidación como centro de servicios administrativos para un extenso territorio. A cidade sitúase no extremo occidental da comarca, situada no val que forman os ríos Mendo e Mandeo. Trátase dunha das comarcas máis extensas e mellor consolidadas de Galicia, non tanto pola súa homoxeneidade natural ou física, como polas vinculacións funcionais das distintas entidades de poboación coa cabeceira.
Xeografía física
Non son os aspectos físicos os que individualizan mellor a comarca de Betanzos. O clima da comarca combina as condicións xerais do oceánico atlántico con trazos locais peculiares que contribúen a conformar auténticos microclimas, nos que os rexistros termopluviométricos e os seus réximes seguen comportamentos distintos aos que lles corresponderían pola súa posición latitudinal. En xeral, o réxime térmico é suave, cunha moderada oscilación anual entre os 8° e os 10°C. As máximas temperaturas acádanse no verán; despois hai un lixeiro descenso en outono que se volve máis notable no comezo do inverno. Na primavera comezan a ascender suavemente as temperaturas. Non obstante , dentro da comarca prodúcense notables diferencias internas xa que conforme aumenta a altitude e a proximidade cara ao interior, descende notablemente a temperatura media anual. Deste xeito, entre Betanzos (que rexistra unha temperatura media anual de 12,3°C) e Curtis, existe unha diferenza de 2,5°C (9,8°C de media), malia que entre os dous núcleos non hai máis de 25 km de distancia. Este descenso débese ao recruamento das temperaturas mínimas conforme diminúe o efecto suavizador do mar cara ao interior e conforme a altitude provoca un descenso das temperaturas. O réxime de precipitacións é tamén moi contrastado polas diferencias en altitude e pola maior ou menor proximidade ao litoral. Cómpre sinalar primeiro que aínda nos lugares máis achegados ao mar, como o propio Betanzos, as precipitacións son inferiores ás que cabería agardar xa que pola disposición do relevo a comarca sitúase ao abrigo dos ventos húmidos do O. As maiores precipitacións teñen lugar no inverno e as mínimas no verán. Se en Betanzos non chegan a superar os 1.000 mm anuais, conforme aumenta a altitude, as precipitacións poden chegar ata os 1.600 mm. No balance hídrico prodúcese un déficit estival dun mes ao ano, moito máis acusado en Betanzos ca no resto da comarca polo ritmo das precipitacións (de feito en gran parte non se pode falar de verdadeira seca). A maior parte do territorio que constitúe a comarca corresponde ás concas dos ríos Mandeo e Mendo, nos que trala súa confluencia principia a Ría de Betanzos. Desde o punto de vista xeolóxico, a área enmárcase dentro dun complexo de rochas moi variadas denominado Complexo de Ordes. A nivel do relevo distínguense varios conxuntos. O primero deles sitúase no sector occidental da comarca onde existe un relevo de baixa altitude e de vales amplos. Trátase do corazón das Mariñas caracterizadas pola sucesión de pequenos outeiros que baixan con pendentes moi moderadas cara á costa baixa das marismas betanceiras e ao litoral de Paderne entre os vales dos ríos Lambre, Mandeo, Mendo e Mero, de dirección SL-NO. É unha cubeta de alteración deprimida respecto ao seu contorno. É a área da comarca máis apta para o poboamento e para o aproveitamento das terras de cultivo. Este sector de terras baixas está rodeado de forma máis ou menos semicircular por unha orla de elevacións que marcan a transición ao material granítico, de topografía máis contrastada. De N a S-SO os principais accidentes do relevo son o monte Pereirón en Paderne (219 m de altitude), Espenuca en Coirós (291 m), Montevello en Cesuras (347 m) e Castro Maior en Abegondo (475 m). Os vales estreitan o seu leito e as pendentes aumentan. Por riba dos 400 m, un segundo nivel de aliñacións montañosas dá paso á área oriental da comarca con elevacións como o monte de Santo Antón en Irixoa (520 m), o do Gato en Coirós, Oza en Aranga (543 m) e o alto da Peniña en Cesuras (543 m). A continuación, o relevo resólvese en topografías planas produto dos períodos de arrasamento da era Secundaria: estas penechairas mantéñense entre os 500 m e os 600 m. No extremo NL, as chairas únense bruscamente coas serras que constitúen a fronteira natural coa comarca da Terra Chá. Este sistema esténdese estreitándose cara ao S desde o monte Lousa (694 m) e Buño (736 m), do Cordal de Montouto, á serra da Cova da Serpe (650 m). Aínda que as altitudes non superan os 800 m en toda a comarca, prodúcese unha diferenciación topográfica importante que condiciona en certa medida o poboamento e a ocupación do solo. A intensa ocupación do solo polos labores agrícolas e os prados, sobre todo na parte occidental da comarca, limita moito o espazo ocupado pola vexetación natural. Esta defínese por dous sectores: un occidental, de solos máis fértiles e de topografía suave, na que aparecen as masas forestais máis importantes (bosques de piñeiros combinados con eucaliptos e algún carballo ou con castiñeiros) mentres que no oriental, de solos máis pobres e topografía máis accidentada, dominan as formacións de toxos combinados con breixos e xestas. Espalladas por toda a comarca, no fondo dos vales e nas terras baixas, perviven carballeiras, testemuños da súa vexetación orixinal.
Xeografía humana
A evolución demográfica da comarca durante o s XX ten como principal característica a diminución do seu número de habitantes ata case a cuarta parte dos efectivos totais. Esta perda absoluta de persoas non foi continua no tempo. Nun primeiro período, entre 1900 e 1930, tivo lugar un estancamento da poboación. Esta situación responde a que, a pesar de rexistrar unhas altas taxas de natalidade e un crecemento vexetativo positivo, os movementos migratorios continentais tiveron unha grande importancia e limitaron o aumento da poboación. Entre 1931 e 1950 a comarca de Betanzos creceu demograficamente debido ao descenso da taxa de mortalidade e ás dificultades para emigrar, derivadas da negativa conxuntura económica internacional. Non obstante , a poboación estancouse de novo xa na década de 1940 cando iniciou un descenso demográfico que se mantén co tempo. Desde 1950 ata 1970, a máxima incidencia da emigración, principalmente cara a Europa Occidental, e a forte caída da natalidade xunto cun estancamento da mortalidade provocaron unha diminución da poboación comarcal. Entre 1970-1981 tivo lugar o maior descenso. Diante da práctica desaparición dos movementos exteriores multiplicouse a emigración interior desde os espacios rurais cara aos centros urbanos e industriais do país, acrecentándose os desequilibrios internos. A comarca de Betanzos participou de cheo en tal proceso. Na década de 1980-1990, a poboación continou a minguar, aínda que en menor medida, principalmente polo avellentamento, a baixa natalidade e certa continuación da emigración cara á área urbana da Coruña. Non obstante , este descenso relativízase así mesmo pola volta de emigrantes á comarca, tanto do exterior como da Coruña, polo proceso de periurbanización. A despoboación da comarca afectou a todos os concellos agás ao de Betanzos, que presenta un crecemento moderado polo afianzamento do seu papel como núcleo rector. A caída da poboación tamén foi menor no concello de Miño, que se viu favorecido polas súas boas comunicacións cara á Coruña e cara a Ferrol, e polos seus recursos naturais para desenvolverse economicamente, converténdose nunha área moi demandada para a construción de segundas residencias. Pola contra, a maior despoboación prodúcese nos espacios máis afastados da capital comarcal, como os concellos de Aranga, Cesuras, Irixoa e Vilasantar. O avellentamento xeral da poboación galega deixouse sentir en toda a comarca betanceira, consecuencia inmediata da redución da poboación nova e da emigración. Así, certos espacios comparten características coas poboacións máis avellentadas do interior galego, con situacións de crise demográfica en concellos como Cesuras ou Vilasantar (ambos presentan unha pirámide de poboación invertida). Non obstante , este proceso de avellentamento, como o da despoboación, afecta de forma diferente á comarca: agrávase naqueles espacios cunha forte dependencia do sector primario mentres que as capitais municipais, os centros de servicios, os espacios industriais e os ben comunicados amosan unha evolución demográfica máis positiva. As cifras do crecemento vexetativo reflicten a situación xeral da comarca: a taxa de natalidade é do 7,6‰, e a de mortalidade do 15‰, polo que a taxa vexetativa é dun -7,4‰.
Xeografía económica
A dedicación aos labores da agricultura, gandería e explotación forestal adquiren aínda na comarca betanceira un papel principal no conxunto das actividades económicas: constitúe a primeira fonte de riqueza da maior parte dos concellos, dotados dun acusado carácter rural. Non obstante , nun estudo económico xeral da comarca a relevancia dos sectores secundario e, principalmente, terciario, coa cidade de Betanzos como máximo expoñente, é cada vez máis notable. O 93% da superficie total comarcal é superficie agrícola. Dentro dela, o terreo forestal é o máis extenso (máis do 50%) seguido polas terras de cultivo e polos prados e pastos. A estrutura das explotacións e das parcelas segue a indicar a tradicional elevada fragmentación da superficie agrícola, malia que nos últimos anos tivo lugar unha diminución do número de explotacións por procesos combinados de abandono e de fusión das terras (polo avellentamento dos titulares e polos incentivos para o aumento do tamaño das explotacións). A modalidade de agricultura a tempo parcial, moi estendida nos concellos de Betanzos e de Coirós, apenas é significativa en Cesuras e Curtis. Predomina un sistema de policultivo intensivo coexistente con localización dispersa de granxas e explotacións tecnificadas. A orientación prioritaria da produción é o consumo nas áreas urbanas próximas (os seus produtos hortícolas son moi valorados nas prazas da Coruña) por medio de canles de comercialización moi diversas. No sector litoral occidental combínase a agricultura (horta e flor) coa gandería bovina e hai maior importancia do aproveitamento forestal. O sector interior oriental é sobre todo gandeiro e destacan as explotacións gandeiras bovinas centradas na produción de leite. O sector secundario ocupa o derradeiro lugar na distribución da poboación activa, pero o seu valor cualitativo dentro da economía dalgunhas áreas específicas da comarca é moito maior. Así, o sector secundario é a base da economía de moitos habitantes do concello de Betanzos, onde existe unha industria moi diversificada con fábricas de aglomerados de madeira, manufacturas alimentarias, transformados metálicos e materiais de construción. Trátase, polo xeral, de empresas de pequeno tamaño. O sector terciario aparece no segundo lugar en importancia en canto ao emprego, agás no concello de Betanzos: na cabeceira comarcal concéntranse os servicios da comarca, así que nela o sector terciario é o principal xerador de emprego. Betanzos como centro dunha poboada comarca rural ten un sector terciario moi variado con comercios, negocios de hostelaría, servicios de lecer, talleres, servicios persoais e administrativos, etc. Ademais, a cidade conta con servicios educativos (dous colexios de ensino primario e dous de bacharelato e outro de formación profesional), sanitarios (un centro de saúde de atención primaria e un servizo de urxencia), sociais (tres residencias da terceira idade e un centro social), culturais (unha aula de cultura, un arquivo, un museo e unha biblioteca) e deportivos (tres campos de fútbol, un polideportivo e unha piscina). Secundariamente, os concellos de Curtis, como subcentro comarcal dotado de comercios e servicios, e o de Miño, como centro turístico do litoral, tamén concentran certos recursos terciarios. As cabeceiras municipais teñen pequenas dotacións comerciais e de servicios, aínda que a súa poboación se despraza acotío a Betanzos. Prodúcese un claro contraste entre a vila betanceira, centro de mercado e de servicios e, secundariamente, industrial, e o resto da comarca, de carácter rural. A rede de estradas ten unha elevada densidade debido á influencia que pola súa localización espacial recibiu no marco do Plan dos Accesos a Galicia (acceso norte) e do Plan da Autoestrada do Atlántico. A vía principal está constituída pola estrada nacional radial N-VI, que cruza a comarca. A autoestrada A-9 restrinxe a súa influencia á marxe occidental, discorrendo case tanxencialmente ao concello e Betanzos. Nunha segunda categoría viaria existen catro estradas comarcais: C-542 (Santiago-Betanzos), C-640 (Lugo-Betanzos), C-540 (Betanzos-Agolada) e C-544 (Curtis-N-VI). Ademais cruza a comarca unha tupida rede de vías locais, máis densas en función do poboamento no sector noroccidental. Tamén transcorre polo territorio comarcal a liña de ferrocarril, con tramos de enlace entre as poboacións da Coruña-Ferrol con Betanzos-Curtis-Lugo, polo que en realidade gran parte da comarca queda fóra da alternativa desta infraestrutura.
Configuración comarcal
A comarca de Betanzos é unha comarca moi consolidada na actualidade. A atracción da inmediata cidade da Coruña incorporou á súa área urbana concellos que tradicionalmente formaban parte da comarca betanceira e do seu partido xudicial como Abegondo, Bergondo e Sada. Pero os cambios na accesibilidade e nas interrelacións favoreceron a ampliación da súa área de influencia cara ao interior abarcando algúns concellos situados na conca alta do río Tambre como Vilasantar. Tamén expandiu a súa área de gravitación cara aos concellos situados no val do río Lambre, como Miño e Vilarmaior, antigamente vinculados ao desaparecido partido xudicial de Pontedeume. Este carácter expansivo da área de influencia de Betanzos fai que todos os concellos da comarca teñan como centro de atracción principal a vella capital do Reino de Galicia. Non obstante , as relacións secundarias apuntan tamén cara a outros centros urbanos próximos, principalmente cara á Coruña (aínda que isto non altera a cohesión socioeconómica comarcal). Betanzos é a indiscutible cabeceira e organiza un amplo territorio intensamente humanizado e de claro carácter rural. Posúe un elevado nivel dotacional de servicios públicos e privados e, ademais, é xerador de fluxos laborais. A clientela básica dos seus comercios, dos seus bancos, das súas salas de festa e diversión, así como das súas diferentes oficinas de servicios son os habitantes da comarca. Unha área de influencia de case 40.000 h, residentes en pequenas aldeas, que permiten a Betanzos ser unha cabeceira comarcal en crecemento. No concello de Curtis, no SL da comarca, a capital municipal é un centro tradicional de mercado onde acoden os habitantes dos concellos próximos. Isto converte a Curtis nun subcentro dotado de servicios administrativos e comerciais básicos. Non obstante, mantéñense as súas vinculacións socieconómicas con Betanzos, sede dos principais servicios públicos e centro de mercado de rango superior. O concello de Miño presenta relacións terciarias e sobre todo turísticas coa Coruña, debido á súa accesibilidade e á existencia de importantes recursos naturais-paisaxísticos. Así, ao redor das súas praias desenvólvese un intenso turismo estival. Na súa fachada litoral construíronse edificios de apartamentos e chalés que se alugan no verán ou para segunda residencia, etc. Tamén hai unha forte actividade estacional hostaleira e comercial dedicada ao turista. Pero tanto nos servicios administrativos como no comercio segue vinculado a Betanzos. O resto dos concellos da comarca betanceira (Aranga, Cesuras, Coirós, Irixoa, Oza dos Ríos, Paderne, Vilarmaior e Vilasantar), manteñen os seus trazos como espacios rurais fortemente dependentes da cidade de Betanzos.
Historia
A comarca betanceira está poboada dende os tempos prehistóricos e romanos, así o amosan os restos arqueolóxicos atopados e conservados. En Aranga consérvanse as mámoas de Fraga do Vello e san Victorio. En Coirós existen restos da cultura castrexa na Espenuca. Entre estes dous concellos, no monte do Gato, pénsase que estivo situada a fortaleza de Castrum Ieaccio, mais non se acharon restos desta edificación. No lugar de Castelo, na parroquia de Foxados (Curtis), existe un castro onde se atoparon diversas pezas de ouro. A cidade celta de Lámbrica ou Lambriaca, citada por Pomponio Mela e Ptolomeo nos textos antigos, quíxose ver na aldea de Lambre, na parroquia de san Tirso de Ambroa (Irixoa), mais as probas da súa existencia son soamente a toponimia do lugar e do río Lambre. En Miño está o tesouro de Algara, composto por moedas romanas, e da época castrexa, ademais do propio topónimo de Castro, acháronse restos dun castro en Loios, baixo o cemiterio parroquial de Miño. Pola súa banda, Paderne deriva dun termo celta que significaba ‘deus Saturno’ polo que é máis que probable o poboamento durante esta época. Así o amosan o castro de san Mamede na parroquia de Vigo e o sartego atopado en Santiago de Adragonte. O concello reitor da comarca, Betanzos, está asociado ao enclave romano de Brigantium Flavium. Durante a Idade Media vivíronse na comarca as loitas entre os condes de Galicia e os normandos, quen sufriron unha derrota en Coirós en tempos do Rei Ramiro I. Durante o Idade Media, os distintos lugares da comarca estiveron baixo xurisdición eclesiástica ou señorial. Os mosteiros xogaron un papel moi importante no desenvolvemento destas terras, así en Oza dos Ríos estiveron situados o mosteiro de Cis, fundado polos condes Hermenexildo e dona Paterna no 909, e o de Bandoia do que hoxe se conserva soamente a igrexa románica. En Vilasantar existiu o mosteiro de Santa María de Mezonzo onde viviu no s X san Pedro de Mezonzo, e que no s XV pasaría a depender do mosteiro de Sobrado dos Monxes, mosteiro que exerceu tamén unha notable influencia sobre Cesuras. O señorío de Miño pertenceu aos Templarios ata o s XIV, data na que pasou a mans dos Andrade. En Betanzos, a cidade dos cabaleiros, tamén as ordes monásticas gozaron de importancia así, floreceu o convento de San Francisco (ss XIII-XIV) e, posteriormente, o de San Domingos (ss XVI-XVIII). A diocese de Santiago de Compostela tamén foi a propietaria de diversos lugares como o arciprestado de Pruzos (Irixoa). Ao Condado de Pruzos pertencían as terras de Vilarmaior aínda que Afonso II as cedeu ao bispo de Mondoñedo (866); pola súa banda, a parroquia de Doroña estivo baixo o dominio do mosteiro de Caaveiro. O condado de Présaras estendíase polo actual concello de Vilasantar, terras ligadas tamén ao mosteiro de Sobrado. Xunto aos Andrade, que exerceron a súa influencia en Betanzos, Cesuras, Miño e Paderne, tiveron xurisdición sobre as terras da comarca o conde de Lemos, sobre Cesuras e Irixoa, e outras liñaxes como os Traba e os Bermúdez de Castro. Durante o Antigo Réxime, a comarca pertenceu á antiga provincia de Betanzos, pero gozaron do privilexio de dereito de veciñanza outorgado pola cidade de Betanzos, os veciños de Vilouzás (Paderne), dereito que tamén posuíron algunhas parroquias de Oza dos Ríos. Durante o s XIX a comarca viviu os acontecementos da Guerra de Independencia, os veciños de Betanzos e Cesuras acabaron coa vida de 200 soldados franceses en febreiro de 1809. Ao longo do s XIX formáronse os concellos que hoxe forman a comarca de Betanzos.
Patrimonio cultural
A riqueza patrimonial da comarca está formada por un importante patrimonio arqueolóxico, arquitectónico e natural. Ademais do xa mencionado, consérvanse mámoas como a da Fraga do Vello (Aranga), da Torre (Ambroa, Irixoa), Mántaras (Irixoa) ou restos de castros como o do Castelo e de Logra (Mántaras, Irixoa), Loios en Miño. Existen tamén restos prerrománicos e suevos na igrexa parroquial de Churio (Irixoa). De estilo románico son as igrexas de San Xoán de Vilanova (Miño), Santa María de Doroña (Vilarmaior), San Pantaleón das Viñas (Paderne), San Pedro de Oza (Oza dos Ríos), a ermida de Santa Aia e as igrexas de San Salvador de Coirós e Santa María de Ois (Coirós). Dos antigos mosteiros consérvanse as igrexas de Santa María de Mezonzo e San Salvador de Cis. A arquitectura pacega está representada principalmente no concello de Miño, onde se conservan os pazos de San Paio de Bañobre, antigo pazo dos condes de Vigo, a casa de Bañobre ou casa de Leiro, e o pazo de Callobre. En Paderne consérvase o pazo de Montecelo, en Visasantar o pazo de Mende na parroquia de Barbeito e o pazo da Santa Cruz de Mondoi en Oza dos Ríos. O Modernismo está representado polo inacabado Sanatorio Antituberculoso de Cesuras, obra de González del Villar. Xa, dentro da cidade, destaca o centro histórico foi declarado Ben de Interese Cultural en 1970. Entre as súas construcións salientan as igrexas de Santa María do Azougue, San Francisco e San Domingos e os pazos de Bendaña e Lanzós.
Patrimonio natural
A comarca de Betanzos está regada polos ríos Mandeo e Mendo, proporcionando unhas belas paraxes que permiten o desenvolvemento da pesca. Na desembocadura do río Lambre, entre os concellos de Miño e Paderne, hai fermosas paisaxes para practicar este deporte. No concello de Coirós, o lugar do Chelo, na ribeira do Mandeo, foi declarado Lugar de Interese Etnolóxico en 1971. En Oza dos Ríos, sobre o río Mendo, sitúase a área recreativa de Agra no lugar de Burricos. Nas ribeiras do Mandeo, entre os concellos de Cesuras e Betanzos, celébrase a romaría dos Caneiros. No concello de Miño destaca o seu litoral, salpicado con pequenas calas e praias nas que sobresae a fermosa praia Grande de Miño, así como a paisaxe que bordea a estrada ata Perbes. As paisaxes montañosas tamén están presentes na comarca: o monte da Espenuca (Coirós) cun miradoiro sobre As Mariñas e o val do Mandeo, o Monte de Santo Antón e as Xelas (Irixoa), e a serra da Cova da Serpe (Curtis). No concello de Vilasantar destaca a ruta de sendeirismo dos Muíños, dende Mende ata A Laxe.