Betanzos
Publicación do Centro de Betanzos de Bos Aires. Naceu nesa cidade o 1 de agosto de 1931, e aínda hoxe se publica. De periodicidade trimestral, desde 1974 aparece todos os meses de agosto de cada ano. As actividades do Centro, a vida do colectivo de betanceiros da Arxentina, os temas referidos a Betanzos e, en menor medida, a cultura galega, son os seus contidos. Bilingüe, aínda que domina o castelán, tiña unha extensión de entre 30 e 60 páxinas. A partir da década dos sesenta definiuse por unha clara tendencia antifascista e democrática que aínda mantiña nos anos oitenta do século XX. Ademais de reproducir textos clásicos de Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, Valentín Lamas Carvajal ou Castelao, nas súas páxinas aparecen poemas e artigos asinados por Manuel Barreiro, Avelino Díaz, Álvaro Cebreiro, Eladio Rodríguez, Ramón de Valenzuela, José Otero Espasandín ou Federico García Lorca.