Betanzos, Santiago de
Igrexa parroquial situada en Betanzos. Foi patrocinada por Fernán Pérez de Andrade o Mozo no s XV, seguindo as trazas de gótico tardío. Presenta unha planta basilical de tres naves separadas por piares, con cuberta de madeira cun artesoado do s XIX, e tres ábsidas poligonais cubertas con bóvedas de crucería. No muro S engadíronse catro capelas entre as que destaca a do arcediago, a de san Pedro e a de san Pablo, fundada por Pedro de Ben, que conta cun retablo atribuído a Cornielles de Holanda. No interior hai diversas esculturas funerarias. A portada principal está organizada con arquivoltas vexetais e animais, cun dosel coa figura de Cristo e co tímpano adicado ao Apóstolo Santiago. A torre foi derrubada en 1900. A porta S ou Porta Santa conserva un tímpano encastrado. Por esta porta entraban os peregrinos que se dirixían ao santuario dos Remedios ou do Camiño en Tiobre e os que desembarcaban nalgún dos portos da provincia.