Biblioteca Apostólica Vaticana
Biblioteca pública do estado do Vaticano, herdeira da primitiva biblioteca papal. Iniciada propiamente despois da Cisma de Aviñón, cara ao 1376, a actual biblioteca fundada polo pontífice Sixto IV coa bula Ad decorem militantis Ecclesiae (15.6.1475) deriva, así mesmo, das primeiras recoleccións feitas por Nicolao V (1447-1475). Actualmente, malia a separación do Arquivo Secreto Vaticano da biblioteca, acontecida durante o pontificado de Paulo V, os manuscritos superan os 70.000, os incunables os 8.000 e os volumes impresos o 1.800.000. Durante o pontidicado de Pío XII (1939-1958) entraron varias coleccións de manuscritos como o Arquivo do Capitolio de san Pedro e o fondo musical da Capella Gioulia, a carón da Capela Sixtina. Na fin do pontificado de Pío XII e durante os de Xoán XXIII (1958-1963) e de Paulo VI (1963-1978) adquiríronse novas coleccións de mauscritos e códices. No que atinxe á tradición manuscrita da lírica galego-potuguesa o cancioneiro do códice de pergamiños Vat. lat. 4803 (Cancioneiro da Vaticana), manuscrito de finais do s XV e comezos do XVI, por encargo do humanista italiano Angelo Colocci (1474-1544) autor do listado de nomes dos autores portugueses que se conserva no códice Vat. lat. 3217 (Tavola Colocciana) ou as follas de pergamiño do códice Vat. lat. 7182 que contén os cinco lais de Bretaña nunha escrita minúscula gótica da escola española do s XVI.