Biblioteca da Ajuda
Antiga Biblioteca Real, situada no lisboeta Palacio e Biblioteca da Ajuda. Fundada alá polo 1450, talvez coexistise en espazo e funcións coa Torre do Tombo do Paço da Alcáçova no Castelo de San Jorge. En 1811 a biblioteca foi transferida ao Brasil xunto da Corte; o espolio de preto de 60.000 volumes formaría a Bilblioteca Nacional de Rio de Janeiro. Logo de se manter espallada por distintas casas, en 1880 instalouse definitivamete na sala do palacio. Coa extinción das ordes relixiosas a biblioteca recibiu as incorporacións da Biblioteca dos Oratorianos ou das Necessidades e a Biblioteca dos Jesuítas do Colégio dos Nobres e Santo Antão, de onde proveu o Cancioneiro da Ajuda, ampla recompilación da lírica trobadoresca galego-portuguesa. Con respecto aos manuscritos esta biblioteca contén 2.320 códices (Symmita Lusitanica, Jesuítas na Ásia, etc) e preto de 33.000 documentos soltos datados entre os séculos XIII e XX (atlas, biblias, misceláneas, crónicas, xenelaoxías). Os manuscritos musicais comprenden 2.950 códices e 10.200 soltos, constituíndo un importante núcleo de música de cámara e ópera do s XVIII. No que atinxe aos libros impresos, consérvanse 16.000 monografías e 11.000 volumes de xornais pertencentes a 1.700 títulos. Atendendo ao libro antigo, ademais de 60.000 volumes dos ss XVI e XVIII posúe unha colección de 190 incunables e colección de 500 volumes dos ss XVI, XVII e XVIII, amais dunha importante colección de altlas holandeses, franceses e alemáns (XVI-XVIII) e preto de 9.000 folletos. Ten, así mesmo, coleccións de cartografía, iconografía e fotografía.