Biblioteca da Deputación da Coruña
Fundouse no ano 1845 pero sen abrirse ao público xa que os seus fondos aínda estaban sen organizar. No ano 1851 a Comisión Provincial de Monumentos decidiu reunir nela os libros procedentes dos conventos suprimidos de San Francisco, Santo Domingos e os de San Agustiño da cidade da Coruña, amais dos do convento de Montefaro da Vila de Ares. No ano 1881 pasou a ser considerada biblioteca pública. A esta biblioteca contribuíron doazóns de Emilia Pardo Bazán, Antonio Casares, López Ferreiro e outros destacados autores galegos. En 1893 a Deputación dispuxo duns locais axeitados para a biblioteca, para almacenar uns fondos que seguían enriquecéndose. Os fondos máis antigos que posúe datan do século XVI, aínda que o groso do fondo antigo é dos séculos XVIII e XIX. Entre os chamados materiais especiais cómpre mencionar a biblioteca musical composta por partituras e documentación diversa, doada polos descendentes do músico coruñés Canuto Berea. No ano 1984 a biblioteca trasladouse do Pazo Provincial ao edificio de servicios, xunto coa imprenta provincial.