bicicleta
(< fr bicyclette < inglbycicle)
-
s
f
[TRANSP]
elocípede de dúas rodas de diámetro parecido, a anterior das cales é a directriz, e a posterior, accionada polo condutor mediante un sistema de pedais e transmisión por cadea, é a motriz. A bicicleta está formada, basicamente, polo cadro, a transmisión, a dirección e as rodas. Pódense considerar como elementos non esenciais a sela e os freos, e como elementos accesorios os gardalamas, a cobrecadea, as luces, etc. O cadro é o marco metálico tubular, xeralmente trapezoidal, que serve de ligadura e soporte de todos os outros elementos. A transmisión está constituída polos pedais, solidarios por medio de manivelas a unha, ás veces dúas, ou mesmo ata a tres coroas dentadas chamadas pratos; o piñón, engrenaxe sinxela ou múltiple unida á buxa da roda posterior xa sexa dun xeito fixo (piñón fixo), xa sexa mediante un mecanismo de trinquete que permita que a bicicleta corra sen pedalear (piñón libre), ou ben a través dun mecanismo epicicliodal de redución variable que se lle engade; e a cadea, nexo de unión entre o prato e o piñón. A dirección está constituída polo guiador, accionado polo condutor; a pinza da dirección (curvada cara a diante co fin de estabilizar a dirección e, grazas á súa capacidade de deformación elástica, axudar a amortecer as sacudidas producidas polas irregularidades do solo), que soporta a roda anterior, e a árbore de dirección, elemento de unión entre o guiador e a pinza. Cada roda consta do pneumático, que nas bicicletas de carreiras carece de cuberta (pneumáticos tubulares); a lamia (dunha soa peza e sen radios nalgunhas bicicletas de carreira en pista), os radios, arames finos que transmiten os esforzos entre a lamia e a buxa; e a buxa, especie de tubo con arandelas que recolle as cabezas dos radios e que, montado sobre dúas fileiras de bólas de coxinete equidistantes, xira libremente arredor do eixe da roda, fixado con femias á pinza da dirección (roda anterior) e da suspensión (roda posterior). O precursor da bicicleta moderna foi o francés De Sivrac, creador, no ano 1790, do célérifère, vehículo de dúas rodas impulsado polos pés do condutor contra a terra. No ano 1816, o alemán K. F. Drais von Sauerbronn construíu a draisina, na que a roda anterior era directriz. O escocés Mac Millan engadiu aos pedais un cegoñal e bielas. Pierre Lallement colocou un pedal e un cegoñal na roda anterior do célérifère, e o resultado foi un velocípedo, construído case totalmente de madeira, e inicialmente cunha roda máis grande ca a outra, denominado biciclo, que foi perfeccionado por E. Micheaux e seguiu evolucionando ata chegar á forma da bicicleta actual. 0BS Tamén se emprega a forma apocopada bici para designar o mesmo vehículo.
Ex: O domingo imos ir dar unha volta en bicicleta.
-
bicicleta de competición/de carreiras
[DEP]
Bicicleta de pista (sen engrenaxes nin cambio de marchas e con piñón fixo) ou de estrada, adaptada para cada unha das probas específicas do deporte ciclista. Nos últimos anos, certos adiantos técnicos permitiron transformalas en vehículos máis lixeiros (debido a unha diminución de peso dos materiais empregados na súa construción) e veloces, grazas ao desenvolvemento e aplicación de innovacións tecnolóxicas no deseño tanto do cadro ou armazón como dos elementos auxiliares (pedais con fixacións automáticas, rodas lenticulares, guiadores con forma de corno de cabra, etc).
-
bicicleta de cros
[DEP]
Bicicleta coa lamia ancha, pneumáticos coa banda de rodadura engrosada, cadro reforzado e piñón fixo.
-
bicicleta de montaña/todo terreo
[DEP]
Bicicleta de estrutura reforzada, co guiador plano, con tres pratos, seis ou sete piñóns e pneumáticos gravados, adaptada especialmente para os terreos accidentados.
-
bicicleta ergométrica
[MED]
Bicicleta fixa adaptada para determinar o traballo que realiza un individuo ao pedalear. Emprégase para realizar probas de esforzo coas que se evalúa o traballo do corazón durante o exercicio.
-
bicicleta estática
[DEP]
Bicicleta fixa, utilizada para realizar exercicios físicos de intensidade equivalente aos que se fan ao pedalear nunha bicicleta convencional.
Frases feitas
-
Vai buscar herba para a bicicleta. Emprégase para que alguén nos deixe tranquilo.