Bierzo, O
Comarca que se estende ao L da Serra dos Ancares. Limita ao O coas comarcas dos Ancares e de Valdeorras, ao N co Principado de Asturias e coa comarca da Babia (provincia de León), ao L coa comarca da Maragatería (con capital en Astorga e integrada na provincia de León) e ao S coa comarca de La Cabrera (tamén da provincia de León). Despois da división provincial implantada en 1833, quedou adscrita á provincia de León, integrándose na Comunidade Autónoma de Castela e León, ao establecerse esta en 1983 ao abeiro da Constitución Española de 1978. Abrangue un total de 37 concellos: Arganza, Balboa, Barjas, Bembibre, Benuza, Berlanga del Bierzo, Borrenes, Cabañas Raras, Cacabelos, Camponaraya, Candín, Carracedelo, Carucedo, Castropodame, Congosto, Corullón, Cubillos del Sil, Fabero, Folgoso de la Ribera, Igüeña, Molinaseca, Noceda, Oencia, Páramo del Sil, Peranzanes, Ponferrada, Priarazana del Bierzo, Puente de Domingo Flórez, Sancedo, Sobrado, Toreno, Torre del Bierzo, Trabadelo, Vega de Espinareda, Vega de Valcarce, Villadecanes e Villafranca del Bierzo. Acolle unha poboación de 132.979 h (1998). Ponferrada é a cidade que ostenta as funcións de cabeceira comarcal, sede de institucións como o Consello Comarcal do Bierzo ou o Instituto de Estudios Bercianos, e de servicios como o hospital comarcal.
Xeografía física
A comarca do Bierzo está nunha área baixo o dominio climático oceánico, na que se poden distinguir dous sectores, un de montaña, na orla dos cumios que enmarcan a depresión, no que os rexistros térmicos son máis baixos, e outro que se corresponde coa superficie do val, máis benigno. Na orla montañosa, as temperaturas, por efecto da altitude, acadan valores moi inferiores aos que se rexistran no interior da comarca; no observatorio de Pedrafita do Cebreiro, que pola situación limítrofe pode empregarse como referencia válida, a media anual sitúase nos 8°C, oscilando entre os 0,7°C de media do mes máis frío, xaneiro, e os 15,7°C do máis cálido, agosto. As masas de aire que achegan a chuvia son as que, procedentes do Océano Atlántico, penetran polo litoral occidental galego. Deste xeito, as precipitacións nas montañas do occidente berciano poden superar os 2.000 mm anuais, distribuídas segundo un réxime estacional que achega a maior porcentaxe nos meses do inverno (36%) e deixa un verán sen incidencia da seca (10%). No interior da comarca as temperaturas rexistran un notable ascenso, establecéndose as medias anuais de Villafranca del Bierzo e Ponferrada nos 12,3°C e 12,9°C, respectivamente (medias de xaneiro 4,8°C e 4,9°C; medias de xullo 21°C e 21,6°C). Neste sector as precipitacións experimentan, tamén en resposta á lóxica do gradiente de altitude, un acusado descenso: a media anual de precipitacións baixa en Villafranca del Bierzo aos 900 mm; pola súa parte en Ponferrada, situada un pouco máis baixa e un pouco máis ao L, o rexistro de precipitacións descende ata un promedio de 621 mm anuais. É no interior onde se acusa unha relativa insuficiencia hídrica estival, prolongada entre xuño e setembro, provocada non tanto pola distribución estacional das precipitacións como polo seu escaso volume. En canto ao relevo, o Bierzo encádrase dentro da fosa tectónica bordeada pola Serra dos Ancares, ao O, os contrafortes da Cordilleira Cantábrica, ao N, e os Montes de León, ao S e L, unha orla montañosa paleozoica que ten os seus cumios ao redor dos 2.000 m de altitude: Miravalles (1.969 m), Cuíña (1.997 m), La Guiana (1.843 m) e Catoute (2.111 m), entre outros. A depresión intramontana, cuberta de sedimentos terciarios, sitúase a unha altitude que oscila entre os 400 m e os 500 m. En canto á súa hidrografía, a comarca pertence á conca do Sil, que, procedente da comarca da Babia, a atravesa en sentido NL-SO ata que penetra no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, na comarca de Valdeorras. Os principais ríos que drenan a comarca son os seus tributarios. Entre eles destacan o Valcarce, o Burbia, o Cúa e o Tremor. Entre o seu patrimonio natural cómpre mencionar o parque das Médulas, xacemento aurífero explotado no tempo dos romanos (ss I e II) e declarado Monumento Nacional en 1931 e Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, e o Parque Nacional dos Ancares, que só recibe esta figura de protección na súa vertente berciana.
Xeografía humana
O Bierzo é unha comarca eminentemente rural, na que destacan os núcleos urbanos de Ponferrada (61.469 h [1998]), centro de servicios comarcais; Bembibre (11.063 h), núcleo industrial; Villafranca del Bierzo (3.941 h), cidade histórica; Fabero (6.120 h), centro mineiro e Cacabelos (4.844 h), principal enclave das adegas vinícolas. A evolución da poboación reflicte un crecemento negativo, cun descenso do 1,25% no período 1996-1998.
Xeografía económica
A agricultura berciana goza dunha excelente sona pola calidade dos seus produtos, especialmente as froitas e os viños, moitos deles ao abeiro da Denominación de Orixe. Conta cunhas condicións climáticas e edafolóxicas excelentes para a produción de viños de calidade. A produción en 1997 foi de 168.000 hectolitros. As uvas recoñecidas pola denominación son, entre as tintas, a mencía e a garnacha tintoreira, e entre as brancas, a dona branca, a palomino, a malvasía e a godello, aínda que existen adegueiros que realizan viños con uvas foráneas de prestixio, non protexidos pola Denominación de Orixe. A elaboración de viños, licores e conservas de froitas é unha das actividades con maior repercusión fóra da comarca. O polígono industrial de Torre del Bierzo dá servizo á industria de toda a comarca, constituíndo un bo exemplo de planificación dos usos do solo para acadar un desenvolvemento económico equilibrado nun espazo comarcal. Na vertente N sitúase a área da minería do carbón, que ten a Bembibre como centro. O sector servicios está moi desenvolvido en Ponferrada, que ademais da tradicional actividade industrial, asume o papel de centro de atracción para toda a comarca. O Camiño Francés de peregrinación a Santiago de Compostela, que penetra no Bierzo polo porto de Foncebadón e o abandona no porto do Cebreiro, converteuse nun dos maiores reclamos turísticos do Bierzo: a afluencia de peregrinos e turistas que se experimentou como consecuencia da promoción institucional da ruta, co gallo dos dous últimos anos santos composteláns (1993 e 1999), contribuíu a achegar ao público a oferta turística da comarca e a que se descubrisen e se explotasen as potencialidades dos recursos paisaxísticos, gastronómicos e monumentais, que constitúen os seus elementos diferenciadores no mercado. A Autovía do Noroeste (A-6), trazada sobre a antiga estrada nacional radial N-VI, é o principal eixe de comunicación do Bierzo. Por ela discorre o tránsito entre Madrid e o N de Galicia, e á beira dela atópanse os principais núcleos de poboación, a industria e os servicios (Torre del Bierzo, Bembibre, Ponferrada, Cacabelos e Villafranca del Bierzo), agás os centros mineiros de carbón do N (Fabero). A estrada nacional N-120, de Vigo a Logroño, é o outro grande eixe que atravesa O Bierzo, estendéndose dende Ponferrada ata a comarca de Valdeorras; ao seu carón sitúanse outras localidades de importancia na rede de asentamentos berciana como, por exemplo, Puente de Domingo Flórez, núcleo da actividade mineira da lousa.
Configuración comarcal
A súa situación intramontana e o illamento que as nevadas provocaban durante varios meses nos invernos, incidiron na formación dunha acusada personalidade e identidade entre as comunidades do val, espazo de transición e paso obrigado a Castela. Parte integrante da Gallaecia romana e do Reino suevo de Galicia, as súas terras foron posesión de señores galegos, como o arcebispo de Santiago ou os condes de Lemos. A perda do señorío da casa de Lemos sobre Villafranca, Ponferrada e todas as súas posesións ao L do Cebreiro no principio da Idade Moderna (1483), ao cabo simples transaccións patrimoniais inscritas en disputas sucesorias, supuxeron o abandono do Reino de Galicia, consumado ao establecerse a definitiva división provincial decimonónica. Seguindo as directrices da organización territorial do estado emanada da Constitución Española de 1812, e unha vez reinstaurada esta en 1822, estableceuse a provincia de Villafranca del Bierzo como agrupación dos municipios constituídos no territorio comarcal e que abranguía tamén parroquias da comarca de Valdeorras, constituídas nos concellos do Barco de Valdeorras, Vilamartín de Valdeorras, Sobradelo (que é o actual concello de Carballeda de Valdeorras), Correxais (actual concello de Vilamartín de Valdeorras) e Santo Estevo (que é o actual concello de Rubiá). A nova provincia berciano-valdeorresa, que recibiu como nome oficial o da súa capital, foi dotada de deputación, gobernador e todas as institucións, organismos e delegacións previstos no ordenamento xurídico vixente daquela. Non obstante , a derrogación do réxime constitucional por Fernando VII o 1 de outubro de 1823 supuxo a desaparición da administración territorial que se implantara ao seu abeiro. En 1833, consonte á proposta de organización provincial do estado elaborada por iniciativa do ministro Javier de Burgos, o territorio que correspondera á provincia de Villafranca del Bierzo (1822-1823) foi dividido e repartido entre as novas provincias de León (O Bierzo) e Ourense (Valdeorras), feito que se pode interpretar como a consolidación definitiva do que foi o seu afastamento de Galicia. Este proceso de distanciamento da órbita galega rematou de completarse coa decisión eclesiástica do traspaso da diocese de Astorga (á que pertencen as parroquias bercianas) da arquidiocese de Santiago á de Valladolid, en 1851. Logo da organización do Estado Español en comunidades autónomas, a comarca do Bierzo dotouse dun Consello Comarcal, instrumento consultivo previsto na lexislación para o impulso do desenvolvemento socioeconómico local, aínda que carente de competencias administrativas, lexislativas, e moito menos executivas.
Historia
A historia do Bierzo está ligada a dous feitos: a presenza romana e o paso do camiño de Santiago polas súas terras. Na comarca abundan os restos de castros prerromanos como os conservados en Fabero, Columbrianos ou Castropodame. O nome do Bierzo deriva de Bergidium Flavium, enclave prerromano, capital dos ástures que estivo situado no Cerro de la Ventosa, nas proximidades de Cacabelos. Este enclave converteuse no centro administrativo que dirixía a explotación das Médulas, complexo mineiro explotado polos romanos e que a UNESCO converteu en 1998 en Patrimonio da Humanidade. Ademais destas minas tamén foron explotadas as minas de Espinoso de Compludo, Castropodame, Santa Cruz de Montes, Soto de la Leitosa, Paradaseca e Fresnedo. Consérvanse restos de miliarios, pontes e vías romanas que cruzaban a comarca: a Via Nova que unía Braga e Astorga, e a que enlazaba Lugo e Astorga. No Itinerarium Antonini, noméase a existencia dunha mansión chamada Uttaris que se ten identificado con Autares, enclave situado no Cerro de Aldares (Trabadelo), onde puido estar situado o castelo medieval do señor de Autares no que se esixían, como noutros pasos, os dereitos de portádego aos peregrinos. En Molinaseca pénsase que estivo situada a mansión Interamnium Flavium da vía Braga-Astorga. As terras bercianas foron o escenario das loitas das lexións romanas dirixidas por Antistio e Caio Fortunio contra os cántabros e ástures nas proximidades das Médulas. Durante a ocupación romana e na época de dominio suevo, o Bierzo estivo encadrado na provincia de Gallaecia. A historia berciana estivo unida á historia de Galicia ata 1065, ano en que o Rei Fernando I dividiu os seus dominios entre os seus fillos, quedando O Bierzo incluído no Reino de León. Durante a Idade Media, a vida da comarca estivo moi ligada á presenza monacal e ao camiño xacobeo. Na época visigoda, os santos Frutuoso, Xenadio e Valerio fundaron varios mosteiros no Valle del Silencio, creando o que se chamou a Tebaida berciana. En tempos do Rei visigodo Sisebuto (morto no 621), en Bérgido cuñábase moeda. Os árabes chegaron ao Bierzo e no 868 Afonso III derrotou o caudillo Al-Mondir, fillo de Muhammad I. A presenza normanda en Galicia viuse reflectida no Bierzo coas incursións de piratas na cara berciana do Cebreiro. Co establecemento da monarquía castelá, mermaron os dereitos dos pobos da comarca, xa que moitos dos privilexios, como os portádegos, foron suprimidos. Entre as numerosas fundacións monacais salienta o mosteiro fundado en Villafranca del Bierzo en tempos de Afonso VI que despois foi ocupado polos cluniacenses e no s X o Mosteiro de San Salvador de Carracedo, convertido despois na Abadía de Santa María la Real, pertencente á orde do Císter. Non obstante , foi o camiño o factor máis importante no desenvolvemento destas terras. O camiño francés entraba no Bierzo polo Monte Irago, o actual porto do Rabanal, onde existiu o hospital de San Juan de Irago, e despois achegábase á Cruz de Ferro, no que é tradicional lanzar unha pedra ao montón que acolle a cruz, feito que se remonta á época romana e do que non se atopou explicación. Tamén conta a tradición que os veciños de El Acebo estaban exentos de pagar tributos a cambio de sinalar o camiño con estacas. Desde Molinaseca o camiño continuaba ata Ponferrada. Existían outras vías de acceso a Ponferrada desde Astorga: polo chamado “paso de la barca” seguindo polo “camino de los frailes” ata Santo Tomás de las Ollas, salvando as dificultades do Sil cara a Columbrianos, e outro que entraba por Manzanal ata Santa Marina de la Torre e Bembibre, e que continuaba por Almázcara, onde no s X existiu o Mosteiro de San Miguel, ata Ponferrada. A capital da comarca adquiriu importancia a partir do s XI despois da construción polo bispo Osmundo (1082) dunha ponte sobre o río Sil reforzada con varandas de ferro que deu nome á vila, Pons Ferratus, e que permitiu o acceso dos peregrinos. Desde alí o camiño seguía ata Villafranca del Bierzo. En Camponaraya existiron dous hospitais para peregrinos. Cacabelos, destruída tras un terremoto e reedificada polo bispo Xelmírez en 1108, é a típica vila nacida nas beiras do camiño, coa súa rúa principal, Calle de los Peregrinos, atravesando a poboación e seguindo o trazado do camiño. A súa situación destacada no camiño e os privilexios que recibiu dos monarcas e da mitra compostelá, fixeron de Cacabelos un importante centro medieval. En Villafranca del Bierzo, os peregrinos que non podían rematar a súa viaxe por estar impedidos ou enfermos, podían gañar o xubileu na Igrexa de Santiago, nas mesmas condicións que en Compostela. A orixe desta vila remóntase ao s XI, cando se instalou o primeiro burgo de francos que deu nome á vila. O marquesado de Villafranca, ligado aos condes de Lemos, estendeu o seu poderío máis alá da súa vila de orixe. Así en tempos de Pedro Álvarez de Osorio, no s XV, abranguía tamén as vilas de Ponferrada e Cacabelos. Cómpre destacar tamén o papel da orde dos Templarios no desenvolvemento comarcal. Establecidos en Ponferrada no s XII, un dos seus centros máis importantes, construíron un castelo que serviu tamén como hospital de peregrinos. O seguinte feito relevante da historia do Bierzo tivo lugar en tempos da Guerra de Independencia. Na retirada das tropas inglesas, Moore perseguido por Colbert, foi alcanzado en Cacabelos o 2.1.1809. Pouco despois, o marqués de la Romana derrotou os franceses que ocupaban Villafranca del Bierzo o 17.3.1809. O Bierzo foi convertido en provincia o 17 de xaneiro de 1822 pero pouco despois Fernando VII derrogou esta disposición. Durante as guerras carlistas, o exército isabelino derrotou os carlistas que regresaban de Galicia en Villablino o 31 de xullo de 1836. R> Patrimonio cultural
A maioría das vilas da comarca contan con igrexas ou antigos hospitais de peregrinos que cómpre salientar. Seguindo o trazado do Camiño, en Molinaseca está situada a capela da Virgen de las Angustias, construción barroca do s XVII e un pazo na rúa da Torre, que semella que pertenceu a dona Urraca. En Ponferrada, Isabel a Católica creou en 1498 un hospital para peregrinos, o Hospital de la Reina, restaurado hai poucos anos; os Templarios construíron o Castelo sobre un antigo castro romano que foi ao mesmo tempo cenobio, fortaleza e palacio. Trala supresión da orde dos Templarios en 1312 pasou a ser propiedade dos reis de León, despois do conde de Lemos e finalmente dos Reis Católicos. En 1924 foi declarado monumento nacional. A Basílica de Nuestra Señora de la Encina, construída entre 1573 e 1660, alberga a imaxe da patroa do Bierzo; segundo a tradición a Virxe apareceu nunha aciñeira dun bosque que os Templarios estaban desarborando para construír o seu castelo. Preto de Ponferrada, destacan a igrexa prerrománica de Santiago de Peñalba e as ruínas da Abadía de San Pedro de Montes fundada no s VII por san Fructuoso e restaurada por san Xenadio no 895. En Cacabelos destacan a igrexa de Santa María de la Plaza e o santuario da Quinta Angustia do s XVIII. En Villafranca del Bierzo están a igrexa de Santiago, románica dunha nave, o castelo dos marqueses de Villafranca do s XVI, o convento da Anunciada do s XVII e a colexiata de Santa María de Cruñego erixida sobre o mosteiro cluniacense de Santa María de Cluniaco, e a igrexa de San Nicolao, cunha fachada que imita a igrexa do Gesú de Roma, colexio de xesuítas fundado no s XVII. En Corullón consérvanse dúas igrexas románicas, a de San Miguel e a de San Estevo, e un castelo do s XV. De estilo gótico, destaca a igrexa de San Pedro de Bembibre do s XV. No val do Valcarce consérvanse gran número de fortalezas, símbolos do poder que acadaron os señores medievais como o Castillo de Autares (Trabadelo) e o Castillo de Sarracín (Vega de Valcarce). A comarca conta cun Museo Arqueológico Municipal en Cacabelos.
Situación lingüística
Dende hai xa dous séculos os estudiosos percibiron que a fala do Bierzo era distinta, o mesmo Padre Sarmiento nas súas viaxes de Madrid a Galicia (1745) recolle algunhas desas palabras. No 1860 Isidoro Andrés de Llano publicou na revista Esla o artigo “Recuerdo a Puentedeume en dialecto berciano” o que constitúe a primeira referencia escrita sobre a variante oriental do galego. Foi no 1906 cando Ramón Menéndez Pidal situou na conca do río Cúa e do río Sil a isoglosa que separaba a conservación na parte occidental dos dous graos vocálicos do latín vulgar (c[‘ "Stone Sans PhoneticIPA" >ɔ ]rpo, t[‘ ɛ ]rra), característicos do galego, e na parte oriental a ditongación das vocais máis abertas (cuerpo, tierra). Deste modo, partindo desta isoglosa o Bierzo dividíase en dúas áreas lingüísticas: no levante o leonés e no poñente o galego, hoxe bastante absorbidos polo castelán. No 1980 Gutiérrez Tuñón corroborou as teses de Menéndez Pidal, aínda que engadindo algunhas matizacións. Dous anos despois presentou o seu traballo centrado sobre todo no aspecto fónico “Apuntes dialectales sobre El Bierzo”, enmarcado nunha zona de estudo limitada ao N, por Burbia; ao O, por Paradaseca; ao S, por Toral de los Vados, e ao L, por Camponaraya, Cabañas Raras, Sancedo e Vega de Espinareda. Nel concluía que a fala desta zona presentaba “un estado inicial de gallego y leonés con superposición del castellano”. Deste modo, segundo Gutiérrez Tuñón, si era aceptable a teoría de Menéndez Pidal en canto ás fronteiras lingüísticas das concas dos ríos Sil e Cúa, pero só como punto de referencia, porque a verdadeira fronteira sería o val do Bierzo acentuándose os trazos galegos cara ao occidente. Posteriormente na súa investigación sincrónica reflectida no libro El Habla de El Bierzo (1985), Gutiérrez Tuñón deduciu que nesa mesma zona a situación lingüística é de interferencia entre galego, leonés e castelán. Dentro do ámbito da lingüística galega, Francisco Fernández Rei na súa Dialectoloxía da lingua galega (1990) marca a fronteira lingüística na provincia de León situando no noroeste a divisoria dos ríos Cúa e Sil, mentres que cara ao S afirma que coinciden case plenamente os límites administrativos e lingüísticos de Ourense e León, aínda que se fala galego nalgúns puntos dentro de León. Outra liña de traballo para clarificar un pouco máis a situación lingüística do Bierzo é a seguida por Jesús García centrándose na súa toponimia. No seu estudio, titulado “Los límites lingüísticos en El Bierzo, vistos en la toponimia”, sintetiza os trazos comúns e diferenciais do leonés occidental e do galego. Así distingue catro zonas: a) Zona galega: ocupa a parte O ata o Burbia (incluíndo a conca oriental deste río); b) Zona leonesa: parte oriental ata o Sil, e ao S desta, a conca L do Valdueza; c) Zona intermedia: situada entre o Sil e o Cúa, en ambas as dúas vertentes (máis galega cara ao O e máis leonesa cara ao L); a vertente do Cúa é de fala galega, pero tamén se rexistran leonesismos na toponimia antiga, que van diminuíndo en Cacabelos e Carracedelo; mentres na vertente do Sil predomina o leonés aínda que tamén se rexistran galeguismos; e d) Zona entre o o Sil, Valdueza e Cabrera: non hai uniformidade senón que nunhas zonas predomina o galego e noutras o leonés. A conclusión final do seu traballo resúmese en catro puntos principais, aínda que recoñece que é difícil trazar a liña divisoria entre o galego e o leonés: a) A zona de lingua galega abrangue do río Burbia cara ao O; b) A zona leonesa (dialecto leonés occidental) abrangue a zona L do río Sil e Valdueza, aínda que está moi castelanizada; c) Zona galega dende o Burbia ata o Cúa nas dúas vertentes e zona leonesa na vertente do Sil; e d) ao S do Sil e ao O de Valdueza predomina o galego. Con respecto ás demais falas bercianas tamén cómpre mencionar os estudios que se realizaron sobre a fala dos Ancares. Así, Dámaso Alonso e Valentín García Yebra no seu artigo “El gallego-leonés de Ancares y su interés para la dialectología portuguesa” (1959) describiron fenómenos de palatalización semellantes aos que había na Beira Baixa, e José Ramón Fernández González na súa monografía Habla de Ancares (1981) analiza os fenómenos fonéticos e fonolóxicos, a morfosintaxe e o vocabulario, facendo moito fincapé na inflexión, nasalización, gheada e dobre acentuación. Coa intención de plasmar e clarificar a situación lingüística do Bierzo, no ano 1996 viu a luz o volume I, correspondente ao léxico, do Atlas Lingüístico de El Bierzo (ALBI), no que se intenta reflectir o “estado da fala” nesa comarca. Paralelamente tamén se vén editando na Revista de Estudios Bercianos un índice de palabras do seu vocabulario cotián, que adianta o que no futuro constituirá un dicionario.