Bilbao
Cidade e capital do territorio de Bizkaia, Euskadi, situada nas marxes do río Nerbión (358.875 h [1996]).
Xeografía
A expansión da cidade comezou no 1862 coa explotación do mineral de ferro de Somorrostro. No ano 1890 o antigo núcleo comezou a absorber localidades veciñas, formando barrios máis ou menos homoxéneos: Bilbao Vello, Abando, o Ensanche, Albia, Atxuri, Basurto, Begoña, Rekaldeberri, Deusto, Castrejana, Zorroza e Erandio. O centro comercial do Bilbao moderno está constituído pola Gran Vía de López de Haro. Outro centro comercial importante está representado polas rúas de Bidebarrieta e Correo, ambas as dúas no núcleo antigo. A área de influencia de Bilbao esténdese ao Gran Bilbao, área con personalidade xurídica propia dende 1945, que ten unha extensión de 398,26 km2 e constitúe unha aglomeración urbana que se achega a 1.000.000 h (entre outros abrangue os concellos de Barakaldo, Portugalete, Sestao e Santurtzi). É o verdadeiro núcleo da industria de Bizkaia. A siderurxia constitúe a base da poderosa industria de transformación, baseada fundamentalmente na construción naval, se ben tamén se dedica a outras especialidades, como por exemplo a química, que é a segunda en importancia relativa. Toda esta actividade industrial estase desprazando cara á área do Gran Bilbao, mentres que o municipio de Bilbao asume unha función predominantemente rectora, de tipo comercial, financeira (bancos, bolsa de Bilbao) e administrativa. Cómpre tamén destacar o papel do porto, xa que é un dos primeiros de España no transporte de mercadorías, dada a capacidade dos seus peiraos. Así mesmo, tamén ten aeroporto internacional (Sondika).
Historia
O primitivo Bilbao, nacido da carta de fundación outorgada no 1300 por Diego López de Haro, señor de Bizkaia, estaba situado na marxe dereita do Nerbión. Esta área chámase actualmente Bilbao Vello. Gracias a unha serie de privilexios outorgados polos reis de Castela, xunto ao feito de ser un dos principais centros produtores de ferro e de servir de porto para Burgos, converteuse no primeiro porto do Cantábrico e nunha cidade moi próspera. Así e todo, a concesión dun consulado comercial por parte de Fernando o Católico (1511) e a independencia de Burgos, serían os dous feitos que marcarían o inicio do auténtico desenvolvemento económico de Bilbao. Durante o s XVI Bilbao foi, xunto con Sevilla, o porto máis importante da Península Ibérica. Este crecemento non estivo, sen embargo, exento de conflitividade social, causada polo enfrontamento entre as vilas (apoiadas polos señores de Bizkaia e máis tarde polos de Castela) e os fidalgos rurais: o motín do sal (1631-1634), no que as vilas biscaíñas se opuxeron ao establecemento do estanco deste produto; a machinada (1718-1722), revolta contra o traslado das aduanas situadas en Gasteiz, Orduña e Balmaseda a Bilbao, Donostia e Irún; e a zamacolada (1804), contra a construción dun porto libre e independente de Bilbao (promovido por Bernardo de Zamácola) en Abando. Durante a guerra do Rosellón foi ocupada polos franceses (1795), feito que se repetiría do 1808 ao 1813, durante a ocupación napoleónica. A cidade aínda sufriu outros catro asedios durante as guerras carlistas (un no 1835, dous no 1836 e o de 1873-1874). Á fin das guerras carlistas acelerouse o crecemento económico convertendo a Bilbao no centro da siderurxia española, financiada co capital que obtivo da venda do mineral de ferro biscaíño a Gran Bretaña. Crecemento económico e desenvolvemento urbano foron paralelos, provocando a súa expansión cara á outra banda do río, o que constitúe o actual centro moderno. A comezos do s XX, Bilbao converteuse na principal base do movemento nacionalista vasco e do seu órgano político, o Partido Nacionalista Vasco. Ao estourar a Guerra Civil (1936-1939), Bilbao, capital do goberno autónomo de Euskadi segundo establecía o estatuto de autonomía, mantívose ao carón do goberno da Fronte Popular, pero houbo de capitular en xuño de 1937. Na segunda metade do s XX diversificou a súa actividade industrial, feito que facilitou a acumulación de capitais que conforman unha amplia e forte estrutura bancaria. Desde novembro de 1975 e ata a aprobación do estatuto de autonomía do País Vasco, foi a capital da comunidade autónoma.
Patrimonio cultural
Bilbao conta cun gran número de monumentos relixiosos e civís. Entre os edificios civís destacan: a igrexa de Santiago, catedral dende 1949, erixida no lugar por onde pasaba o Camiño de Santiago, foi construída en estilo gótico a finais do s XIV; a basílica de Nuestra Señora de Begoña, realizada por Sancho Martínez de Arego a principios do s XVI no lugar onde segundo a tradición apareceu a Virxe e había unha ermida levantada; a igrexa de San Antonio Abad, coñecida polo nome de San Antón, edificouse a finais do s XIV sobre as ruínas do antigo alcázar; a igrexa da Encarnación, do s XVI, cun interior gótico e portada renacentista; a igrexa dos Santos Juanes (s XVII), que amosa o Renacemento e o Barroco. Ademais destas, outras construcións relixiosas importantes son o Convento de La Merced (1675), a igrexa de San Nicolao de Bari (s XVIII), a igrexa de San Vicente Mártir (s XVI), a igrexa dos Padres Jesuítas, coñecida como a Residencia, e a igrexa de San Francisco de Asís, construída en 1890 en estilo neogótico baixo as trazas de Luis de Landecho. Entre os edificios civís destacan a casa do concello, construída sobre o terreo que ocupaba o Colegio de San Agustín polo arquitecto Joaquín Rucoba en 1892; o Palacio de la Diputación, obra de Luis Aladrén de 1900; o Palacio Chávarri rematado por Atanasio de Anduiza y Uribarri en 1894; a Universidad de Deusto, construída polo Marqués de Cubas (1883-1886) en estilo clásico; a Alhóndiga, obra de Ricardo de Bastida y Bilbao (1900) cunha estrutura interna de formigón que a salvou dun incendio en 1919; e o Teatro Arriaga, construído por Joaquín Rucoba e Octavio de Toledo (1890) e restaurado en 1987, que recibe o seu nome en lembranza do compositor Juan Crisóstomo de Arriaga. A cidade tamén conta cos museos: de Belas Artes, o Museo Arqueológico, Etnográfico e Histórico Vasco, inagurado en 1920, e o museo Guggenheim obra de Frank O. Gehry, símbolo do Bilbao do futuro, que foi aberto ao público o 19 de outubro de 1997, despois de diversos actos de inaguración celebrados desde o día 3 de outubro.