bilurico

bilurico
  1. s m [ANIMAL/ORNIT]

    Ave limícola dos xéneros Tringa ou Actitis, da familia dos escolopácidos. Ten o peteiro longo e xeralmente recto que lle serve para capturar pequenos animais en terreos brandos. As alas son puntiagudas e o voo é rápido e resistente, durante o que son frecuentes os reclamos sonoros e repetitivos aos que fai referencia o nome da ave. Os sexos son de apariencia similar e presentan distintas plumaxes no inverno que na época de cría. Polo xeral aniñan no chan e os polos son nidífugos. Moitas delas pasan o inverno en costas ao sur da súa área xeográfica de cría, onde poden formar grandes bandos.

  2. bilurico alinegro [ANIMAL/ORNIT]

    Bilurico de 23 cm de altura, de cor escura por riba, coa cara inferior das alas tamén escura, a mitra branca e as patas verdosas. Aniña no norte da rexión paleártica, en niños vellos doutras aves como as pombas. En Galicia é unha ave pouco frecuente que está presente en inverno e durante a época de paso.

  3. bilurico bailón [ANIMAL/ORNIT]

    Bilurico de 19 cm de lonxitude, coas partes superiores castañas, as inferiores brancas, o pescozo e o peito riscados, e cunha risca branca sobre o ollo. Pousado, abanea constantemente o corpo. De distribución paleártica, é moi escaso na cunca mediterránea. Na Península Ibérica vive nos principais ríos e zonas húmidas do interior e ten unha presencia importante na vertente sur dos Pireneos. En Galicia é raro como aniñante pero é común como ave invernante no litoral.

  4. bilurico escuro [ANIMAL/ORNIT]

    Bilurico de 30 cm de lonxitude, coas patas e a base do peteiro de cor vermella escura. A plumaxe nupcial é negra, finamente salferida de branco, e no inverno é grisalla, coas partes superiores máis escuras. Distribúese por toda a tundra arbustiva euroasiática. En Galicia é unha ave pouco común, tanto en época de paso como de invernada.

  5. bilurico fino [ANIMAL/ORNIT]

    Bilurico de 23 cm de lonxitude, de peteiro longo, recto e moi fino, e patas de cor verde. Aniña no suroeste de Europa, aínda que en Galicia é de presenza excepcional, como ave divagante.

  6. bilurico patiamarelo [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de ata 39 cm de lonxitude, co peteiro lixeiramente curvado cara a arriba e as patas de cor amarela viva. En Galicia obsérvase como ave divagante procedente de Norteamérica.

  7. bilurico pativerde [ANIMAL/ORNIT]

    Bilurico de 30 cm de lonxitude, de peteiro forte e lixeiramente virado cara a arriba, patas longas de cor verde, e plumaxe gris nas partes superiores e branca nas inferiores. Aniña en toda a tundra euroasiática e inverna principalmente na zona tropical. En Galicia obsérvase en época de paso e, aínda que en pequeno número, tamén inverna.

  8. bilurico pativermello [ANIMAL/ORNIT]

    Bilurico de 27 cm de lonxitude, co peteiro e as patas dunha cor vermella viva, e coas partes superiores castañas, o ventre branco e unha franxa terminal branca nas alas. Propio das zonas temperadas e boreais do Paleártico, na Península Ibérica aniña en gran diversidade de humidais, tanto costeiros como interiores; principalmente na Mancha Húmeda, Tierra de Campos, Delta do Ebro e Marismas do Guadalquivir. En Galicia aniñou de forma abondosa na lagoa de Antela antes da súa desecación; dende entón só o fai de xeito irregular na área da Limia; na costa invernan e pasan exemplares procedentes da Europa occidental.

  9. bilurico pintado [ANIMAL/ORNIT]

    Bilurico de 20 cm de lonxitude, de patas amarelas e plumaxe de cor acastañada e apencada de branco, coa mitra branca e parte inferior das alas agrisada. Aniña nos bosques de coníferas do norte de Eurasia. En Galicia está presente en épocas de paso tanto no litoral como en humidais interiores.

Palabras veciñas

bilocular | Biltine | biltong* | bilurico | Bilzingsleben | bima | Bima