Binéfar
Municipio da provincia de Huesca, Aragón, situado na chaira da Litera (8.130 h [1996]). O termo, regado polo canal de Aragón, está dedicado á agricultura de regadío, cereais, hortalizas, froiteiras, algodón e remolacha azucreira. Dispón tamén de gandería bovina, porcina e ovina. O desenvolvemento das industrias transformadoras (fariñeiras, algodoeiras, alimentarias, etc), favoreceu o crecemento da poboación, que se quintuplicou durante o s XX, recibindo nos sesenta e setenta unha intensa corrente inmigratoria. A súa situación, próxima ao núcleo urbano de Lleida, permitiulle converterse nun importante mercado comarcal. No transcurso da Guerra dels Segadors (1642), a vila foi destruída e despoboada. Con posterioridade, en 1652, foi repoboada con colonos aragoneses.