biografía
(< bio- + grγραϕία‘arte de escribir’)
Historia da vida dalgún personaxe, escollido xeralmente en función da súa actividade ou da súa sona pública. Xénero literario prestixioso, a súa técnica actual é o resultado dunha longa evolución. Son clásicas as biografias: Agricola, de Tácito; as Vidas paralelas, de Plutarco; ou as Vitae Caesarum (Vidas dos Césares, s II) de Suetonio. Na China, o xénero formalizouse con Shiji (Memorias históricas), de Sima Qian. Durante a época medieval escribíronse biografías máis ou menos arremedadas dos clásicos, como a Vita Caroli Magni (A vida de Carlomagno, 820?), de Eginard; outras referidas a persoas destacadas como os Claros varones de Castilla (s XV) de Hernando del Pulgar, e diversas crónicas dos reis da época. O Renacemento e, con el, o Humanismo, comportou os primeiros intentos de individualización e particularización, como é o caso do Trattadello in laude di Dante (Tratado laudatorio de Dante, 1358-1363), de Boccaccio, ou Vite dei piú eccellenti pittori, scultori e architetti (Vida dos máis excelentes pintores, escultores e arquitectos, 1550), de Giorgio Vasari. Os primeiros en empregar a palabra biografía como tal, foron John Dryden (1863) e Claudio Chastelain (1709). No s XVIII apareceu a biografía de carácter erudito, e autores como Voltaire, con Histoire de Charles XII (Historia de Carlos XII, 1731), sobresaíron no xénero. The life of Samuel Johnson (A vida de Samuel Johnson, 1791), de James Boswell, representou a transición cara ao Romanticismo. Na lingua galega hai biografías referidas a distintos persoeiros, fundamentalmente do século XIX e XX, como son as obras sobre Vicente Risco (1981), de Carlos Casares; Cunqueiro: unha biografía (1987), de Xosé Francisco Armesto Faginas, Castelao: ideólogo e símbolo do nacionalismo galego (1996), de David Otero, e Manuel Murguía: ideólogo do galeguismo (2000), de Alfredo Iglesias. Todos os anos, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas (17 de maio) publícanse numerosos estudios e biografías referidos a escritores e pensadores galegos de todos os tempos.