Biosbardos, Os

Biosbardos, Os

Libro de relatos publicado por Eduardo Blanco Amor en 1962, co subtítulo Contos prá xente. Consta de sete narracións breves (na segunda edición, do ano 1970, engadiuse unha máis, “Os biosbardos”, que figuraba no primeiro lugar e daba título ao volume, e desapareceu nas seguintes) precedidas dunha “Xustificación” amodo de prólogo, onde o autor fai algunhas consideracións sobre os distintos aspectos da xénese e estrutura da obra. Escrito en Bos Aires, trátase dunha recreación evocadora da infancia en Ourense de principios de século. Os protagonistas son nenos ou adolescentes da pequena burguesía de Auria, trasunto de Ourense. A perspectiva narrativa é sempre de primeira persoa. Na maioría dos casos, é o mesmo protagonista quen narra, cando isto non sucede, introdúcese un narrador situado á marxe da acción, que reproduce a anécdota tal como a oíu ou lla contaron, falando en nome do personaxe, de xeito que a realidade evocada se volve persoal, producindo unha aparencia de autobiografismo. Como di o propio autor na “Xustificación”: O artificio de relatar en primeira persoa, a parte de serme o máis doado, axústase ao insistente anceio de refacer unha realidade compartida, repartida en tipos e vivencias que configuran a miña propia posibilidade vital. Deste xeito, o libro xorde como unha reconstrución da infancia, a través de experiencias individuais, reflexo de temperamentos e psicoloxías. Este mundo infantil está presente dende o título da colección: a palabra “biosbardos” designa a uns seres irreais aludidos para burlarse dos incautos. Esa alusión inicial remítenos ao eido da fantasía e sitúa ao lector na psicoloxía dos nenos, inmersos nunha realidade diferente da dos adultos, chea de imaxinación e o misterio. Non obstante , os relatos non presentan unha visión idílica   da infancia. Son nenos tristes, solitarios, marxinados e con penurias económicas ou enfermidades. Nalgúns relatos isto leva a unha ruptura coa realidade, para entrar nunha fantasía liberadora. Un aspecto importante no libro é a vivencia do medo, tema que aparece en ocasións como un paso máis na traxectoria vital dos personaxes ou como forza que os debilita; outras veces como experiencia buscada á que se achegan cunha curiosidade case morbosa, do mesmo xeito que noutros relatos á morte ou ao sexo. Recoñécese a presenza constante do espazo no que transcorren os feitos, Auria, que actúa non só como fío narrativo das historias, senón como verdadeiro personaxe e constitúe un espazo literario limitado que ten como núcleo a catedral e a cidade vella que xorde ao redor dela, e se estende ata determinadas marcas (o río Barbaña, o cemiterio de San Francisco, o río Miño e o Xardín do Posío). O libro comeza co relato titulado “A arrasadeira”. O protagonista únese a un grupo de rapaces para ir roubar figos na horta dunha casa. A aventura convértese nunha saída ao aburrimento dunha educación suxeita ao ríxido control dos adultos, a través da iniciación no terreo do descoñecido, do prohibido. Introducidos xa no ideario dos nenos, nos seguintes relatos aparecen unha serie de experiencias que constitúen, ata certo punto, unha iniciación na vida. O descubrimento do sexo, da morte, ou a noción da mentira, enlázanse con motivos recorrentes en toda a obra do autor, como a difícil relación coa figura paterna fronte á idealización da nai ou á presenza dos contadores de historias. A aprendizaxe culmina no último relato, titulado “O estreno”, onde o protagonista abandona a idade infantil ao estrear pantalóns longos e experimentar o seu primeiro desengano amoroso.

Palabras veciñas

BIOS | Biosatellite | biosbardos | Biosbardos, Os | bioscopia | bioscopio | biosfera