biosfera
(< bio- + gr σϕαῐρα ‘esfera’)
Unidade funcional constituída polo conxunto da materia viva da Terra e o espazo onde se dan as condicións ambientais e funcionais compatibles coa vida. Esta concepción sistémica ou holística da biosfera é relativamente recente; nun sentido máis restrinxido tamén se entendeu por biosfera a interfase entre atmosfera, hidrosfera e litosfera onde é posible a vida ou ben o conxunto dos seres vivos que habitan este espacio. Enraizada no sentimento romántico da natureza e na ciencia humboldtiana, pero tamén na síntese fisiolóxica de Claude Bernard e na termodinámica, a idea de biosfera como indisoluble solidariedade de todos os seres vivos nunha unidade funcional foi exposta por vez primeira polo xeólogo austríaco Eduard Suess (1831-1914), no último volume da súa obra Das Anlitz der Erde (A cara da Terra, 1883-1905), aínda que xa empregara a palabra en obras anteriores dende 1875. O concepto actual aparece na obra Biosfera (1926) do mineraloxista ruso Vladimir I. Vernadskij (1863-1945). Discípulo de Vasilij Dokučajev e influído tamén polo pensamento de Henri Bergson, presentou a biosfera como un sistema global alimentado polo fluxo de enerxía solar no que os seres vivos interactúan coas partes da codia terrestre e das cubertas fluídas do planeta coas que está en contacto e modifican as súas propiedades. Pouco divulgado fóra da Unión Soviética, o pensamento de Vernadskij non obtivo recoñecemento ata arredor do 1940, grazas á difusión que fixeron George E. Hutchinson e os ecólogos da súa escola ou afíns a ela. Este concepto converteuse no fundamento da ecoloxía global. Segundo Vernadskij, a materia viva constitúe unha parte esencial da estrutura do planeta pola súa capacidade de transformar a súa superficie mediante a conversión de enerxía solar radiante en enerxía química. Os seres vivos aplican a enerxía ao seu propio funcionalismo pero tamén á transformación do medio no que viven; deste xeito a materia viva, constituída principalmente de auga e carbono, conformaría, por unha banda, a atmosfera da Terra oxidándoa (a proporción de osíxeno que contén é máis elevada da que se podería esperar das características xeofísicas do planeta) e, pola outra, reduciría a litosfera. Posteriormente se descubriu a existencia de seres vivos quimiosintéticos, que empregan a enerxía interna do planeta en lugar da enerxía solar e que tamén forman parte da biosfera. Actualmente prevalece a concepción da biosfera como un ecosistema global analizable en termos de biomasa, fluxos enerxéticos, ciclos bioxeoquímicos e organización da materia viva en organismos e en ecosistemas. Ao mesmo tempo imponse a consideración do papel singular dos humanos nas transformacións máis recentes desta: quentamento global, diminución da capa de ozono, desertización.