biotina

biotina
Nome científico: [vitamina H, coenzima R, factor bios II]
s f [BIOQ]

Factor de crecemento presente en todas as células vivas en pequena cantidade; preséntase en forma de láminas solubles en alcohol e acetona que funden a 232-233°C. A acción metabólica da biotina é debida á súa capacidade para fixar o dióxido de carbono cando vai ligada a un enzima especial. Esta incorporación é endergónica e consome ATP, e o complexo carboxibiotina-enzima queda como dióxido de carbono activo capaz de entregar o fragmento carboxílico a calquera outra molécula carboxilándoa. Forma parte do complexo vitamínico B, e encóntrase na xema de ovo, no fígado, no leite e en moitos vexetais; a súa falta provoca, fundamentalmente, alteracións cutáneas.