Black Studies*
Corrente crítica que naceu nos EE UU a principios do s XX, parella ao movemento de concienciación da poboación negra. O seu principal promotor foi William Edward Burghardt Du Bois, fundador da Asociación Nacional para o Progreso da Xente de Cor e un dos impulsores do grupo de escritores denominado Negro-Renaissance, constituído nos anos vinte e integrado entre outros por James Langston Hughes, Countee Cullen ou John Toomer. A corrente dos Black Studies segue dúas orientacións: por unha banda, a profundización teórica na produción literaria desenvolvida por negros, onde se situarían por exemplo Henry Louis Gates Jr. ou Houston Baker Jr.; e por outra, a crítica feminista afroamericana, na que destacan Barbara Smith ou Deborah MacDowell. Outra figura destacada neste movemento foi Marcus Garvey, impulsor de Come back to Africa, proxecto co que pretendía potenciar o regreso dos negros estadounidenses aos seus países de orixe. Na década dos setenta, a corrente crítica consolidouse definitivamente grazas ás iniciativas desenvolvidas na Universidade de Yale, que incluíu no seu programa docente un seminario centrado na literatura afro-americana do que xurdiu o libro fundacional da teoría e crítica afroamericana: Afro-American Literature: The Reconstrucion of Instrution (Literatura afroamericana: a reconstrución da instrución, 1978). Á vez, nestes anos tiveron lugar en Sudáfrica mobilizacións que contribuíron á reivindicación da cultura negra en todos os seus eidos. Así xurdiu o Movemento de Conciencia Negra, orixinado a partir dunha organización de estudiantes negros e a Organización Sudafricana de Estudiantes (SASO), presidida por Steve Biko. En 1972 fundáronse a rama política, a Black People’s Convention (Convención do Pobo negro) e as agrupacións culturais MDALI (Music, Drama, Arts and Literature Institute) do Transvaal, que tiñan por finalidade a elaboración de valores propios fóra dos ditados por outros grupos raciais. Entre as obras máis salientables deste período destacan: Darkwater (Auga negra, 1920), de Du Bois; os poemarios Weary Blues (Blues cansado, 1926) e The Dream Keeper (O soño da sentinela, 1932), de Hughes; ou as novelas realistas Home to Harlem (Regreso a Harlem, 1929) e Banjo (1929), de MacKay.