Black Power*
Movemento social e político creado nos anos sesenta por algúns sectores da poboación negra dos EE UU como resposta á discriminación racial. As súas orixes están ligadas ao nacionalismo negro de comezos do s XX (Marcus A. Garvey e o programa da Universal Negro Improvement Association), continuado por Malcom X e os Black Muslims (Musulmáns Negros), que reivindicaban a autonomía económica e a constitución dunha nación negra. O seu desenvolvemento estivo estreitamente vinculado ás organizacións antirracistas e non violentas, ás accións contrarias á segregación (1960-1964) e ao labor de rexistro electoral dos negros en 1965. En 1964 o Student Non-violent Coordinating Commitee (SNCC), a Southern Christian Leadership Conference (SCLC) de Martin Luther King e outros grupos crearon o Mississippi Freedom Democratic Party, e en 1965 o SNCC sentou as bases dun novo partido, o Black Panther Party (Partido da Panteira Negra), e rompeu coas teorías de Martin Luther King sobre a non violencia e a integración. A estratexia política do Black Power baseábase fundamentalmente no rexeitamento da integración (defendido polos grupos activos do movemento a favor dos dereitos civís), a creación dunha forza negra autónoma e o reforzamento dos lazos cos países que estaban en loita contra os intereses americanos. A forte represión, que incluíu os asasinatos de Malcom X e de Martin Luther King (1968), así como o acceso dos negros aos dereitos civís debilitaron o movemento a partir dos anos setenta.