Blake, William

Blake, William

Poeta, pintor e gravador. Foi alumno do gravador James Basire e posteriormente realizou estudios na Royal Academy, onde defendeu o papel da paixón e da imaxinación na arte. A súa poesía, baixo unha aparente espontaneidade, esconde unha filosofía complexa e moi persoal, influída polo Platonismo e pola Teoloxía de Emanuel Swedenborg. O seu primeiro libro de poesía, Poetical sketches (Esbozos poéticos, 1783), amosa a influencia de Shakespeare, de Chatterton e dos romances populares. A súa poesía lírica está recollida nos volumes Songs of innocence (Cantos de inocencia, 1789) e Songs of experience (Cantos de experiencia, 1794). A súa tendencia visionaria aumentou notablemente coa serie de Prophetical books (Libros proféticos), culminados con Milton (1804-1808) e Jerusalem (1804-1820). En toda a súa obra manifestou unha conciencia social agudísima, denunciando o racionalismo científico que, segundo el, preparaba a catástrofe da Revolución Industrial. Na súa madurez concibiu a súa obra como unha combinación íntima de texto e ilustracións, e dedicouse preferentemente á ilustración de libros, utilizando no período 1791-1795 as técnicas habituais do gravado: impresionaba sobre o papel unha pintura matriz, próxima ao temple, e retocaba o resultado coa pluma e a acuarela. Así obtiña moi poucas versións, destinadas a ilustrar libros para coleccionistas. Fixo tiraxes independentes, costume que deu orixe ás célebres estampas en cor de 1795: Elohim crea a Adán, Deus xulga a Adán, Piedade ou Newton. Dende 1790 dedicouse á pintura ao temple sobre tea, xeso ou madeira (Satanás abrumando a Xob con pragas purulentas, 1826-1827?), reacción consciente contra a pintura ao óleo e o Naturalismo do claroscuro. Tamén utilizou a acuarela, na que salientan as series de ilustracións para o Libro de Xob (1820-1821?) e a Divina Comedia (1825-1827), considerada a culminación da súa audacia innovadora. Admirador do Manierismo, deu unha total preponderancia ao debuxo fronte á cor, así defendía a obra de Rafael, Dürer e era oposto a Tiziano, Correggio ou Rubens. Conservou o gusto do setecentos pola perfección das anatomías e anticipouse ás tendencias posteriores: o Prerrafaelismo, o Modernismo, o Expresionismo, o Surrealismo, incluso o Fauvismo e a obra de Marc Chagall.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Londres

  • Deceso