Blanco Amor, Eduardo Modesto

Blanco Amor, Eduardo Modesto

Escritor e xornalista. A súa infancia e adolescencia decorreron en Ourense, nunha atmosfera urbana pero, ao mesmo tempo, chea dos ecos do campo que tiña a cidade das Burgas neses anos. O ambiente que rodeaba a súa casa natal, moi preto da sé catedralicia, será logo descrito en moitas das súas obras. A Auria de A esmorga ou a de Xente ao lonxe non serán senón nomes que encobren este Ourense dos seus anos mozos, presente, tamén, nas súas obras La catedral y el niño, Los miedos ou Os biosbardos. A importancia que o espazo da cidade adquire na súa obra é tan grande que pasará a ser un dos trazos definitorios da súa fabulación e unha das teimas da súa creación narrativa. A súa infancia estivo fondamente marcada pola separación dos seus pais, a súa mala saúde e por unha infancia que el mesmo definiu como triste e solitaria. Realizou estudios de bacharelato no Instituto de Ourense onde tivo como profesor a Vicente Risco. Nesta época, Ourense acollía a un dos grupos de intelectuais e escritores que máis importancia tiveron na Galicia da primeira metade do século. O chamado Cenáculo Ourensán, un dos núcleos de amizade e troco de ideas máis fecundos que teña dado a nosa historia literaria, influíu posteriormente de xeito decisivo na formación do escritor. Este encontro con Risco nas aulas será lembrado polo propio Blanco Amor como un dos feitos capitais da súa vida. Frecuentou tamén as tertulias literarias nos cafés La Unión e Royalty, xunto con Vicente Risco, Euxenio Montes, Xavier Bóveda, Emilio Amor e Losada Diéguez, entre outros contertulios. Relacionouse, deste xeito, co núcleo galeguista da cidade ourensá, mergullándose na súa mocidade nas lecturas de Baudelaire, Mallarmé, Rimbaud e D’Annunzio, escritores que influiron tamén na súa obra. Anos máis tarde, ingresou na redacción de El Diario de Orense, xornal no que chegou a ocupar o cargo de secretario de dirección. Trátase do seu primeiro traballo na prensa diaria e non deixa de ser unha mostra significativa da súa intelixencia e vocación literaria, o feito de que se iniciase no oficio ocupándose dos labores de menor importancia que axiña abandonaba para ocuparse doutros de maior responsabilidade. Cómpre non esquecer que acadou fama de gran xornalista ao longo da súa vida, como o amosan os numerosos xornais para os que traballou e a inxente cantidade de páxinas de información e opinión que redactou, introducindo dende os seus primeiros artigos unha temática urbana e incorporando a Galicia, dun xeito moderno, á cultura universal, ao mesmo tempo que defendía unha política republicana. Sen dúbida, a súa profesión máis importante, aínda que non a única, foi a de xornalista, e esta outorgoulle un contacto coa realidade diaria e co máis cotián do home, que logo sería de gran proveito na súa obra narrativa. Partiu cara a Arxentina en 1919, onde frecuentou a persoas do talle literario de Jorge Luís Borges, Ernesto Sábato, Alfonso Reyes, Leopoldo Lugones e Horacio Quiroga, feito que, sen dúbida, influíu moito na súa formación literaria. Na súa estadía na Arxentina realizou un intenso labor de divulgación e dignificación da cultura galega, colaborando en diversas publicacións arxentinas da época como Vida Gallega e Acción Gallega (órgano de difusión da Casa de Galicia de Bos Aires) ou no xornal Correo de Galicia, publicando artigos sobre a figura de Manuel Curros Enríquez, Noriega Varela e Rosalía de Castro, entre outros escritores, e algunhas das súas primeiras poesías. En 1923, xunto con Ramiro Illa Couto e Francisco Lamas Barreiro, fundou a revista Terra, voceiro da Irmandade Nazonalista Galega de Bos Aires que difundiu as ideas de Vicente Risco ao mesmo tempo que publicaba traballos de Díaz Baliño, Ramón Cabanillas ou Antonio Noriega Varela. Así mesmo, foi tamén director da revista literaria Céltiga, xunto con Eliseo Pulpeiro e Ramón Suárez Picallo, onde publicou artigos, poesías e o conto galego Os nonnatos (1927), e sobre todo incentivou e defendeu a cultura galega na emigración; ó mesmo tempo colaborou coa revista Nós dende a emigración. A partir de abril do 1925 comezou a escribir no xornal arxentino La Nación, onde trata a Galicia tanto dende un punto de vista literario como político e social con artigos como os titulados: “Escultura española” ou “Mi pueblo y Eça de Queiroz”; o 9 de maio de 1925 comezaba unha nova andaina xornalística en El Despertar Gallego, órgano da Federación das Sociedades Galegas na Arxentina, cun artigo titulado “Onte, hoxe e mañá da colectividade galega”, que posteriormente dirixiu e dende onde defendeu o Galeguismo, a República e a democracia; ideas polas que seguirá loitando dende a dirección de Galicia, xornal que substituíu ao anterior, saíndo do prelo o 7.12.1930, e onde publicou artigos como: “Viva la República!”, “La Iglesia, el Estado y los trogloditas”, “Vieiros” “Castelao en el gobierno” ou “La inmensa hipocresía”. En 1928 publicou o seu primeiro libro de poemas, Romances galegos, escrito sete anos antes en Bos Aires e pronunciou a súa primeira conferencia titulada “Los derechos espirituales de la Nueva Galicia”. Este poemario insírese dentro da produción poética do que máis adiante se denominou Xeración de 1925 e que tivo como principais autores a Manuel Antonio e Luís Amado Carballo, entre outros. Desenvolveu a faceta de conferenciante con grande esmero ao longo de toda a súa vida literaria, sendo moi numerosas as conferencias e charlas que ditou, así como os debates e coloquios nos que participou, conferencias entre as que destacan: “Guía para un estudo integral del Renacimiento Gallego” (1928) ou “La nueva emoción gallega” (1928). En 1929 viaxou a Galicia como correspondente de La Nación en España, escribindo sobre a situación política do país e a súa cultura, e trabou amizade con Castelao e con outros destacados galeguistas como Suárez Picallo, Alonso Ríos, cos que máis adiante asinou un manifesto nacionalista. Se o encontro con Vicente Risco foi moi importante na súa formación, o encontro con Castelao marcou definitivamente a súa vinculación como escritor a Galicia, por máis que as necesidades económicas e a estadía en países de fala española o obrigasen a escribir en español. O vencello de Blanco Amor cos homes da Xeración Nós e o seu compromiso político coa causa do galeguismo republicano, nucleado arredor do Partido Galeguista, vai ser moi forte. En 1931 regresou a Arxentina, onde publicou Poema en catro Tempos. O libro fora composto enteiramente en Galicia e inspirado na expedición mariñeira que durante o ano 1929 realizara a bordo do Norita, un barco de pesca do porto de Baiona e gobernado por Xaquín Pazo Nartallo, a quen o autor dedica o libro. Trátase, sen dúbida, dun gran poemario dedicado ao mar, na liña do De catro a catro de Manuel Antonio. A afinidade temática, o título, a cronoloxía e, mesmamente, a estética vangardista permite insistir neste parentesco. En 1933 regresou novamente a España como correspondente de La Nación, labor que desempeñaría ata 1935, e doutros xornais como El Día de Montevideo ou La Razón; publicou artigos en La Vanguardia e El Pueblo Gallego, entre outros xornais, e foi director da revista madrileña Ciudad, xunto con Victor de la Serna, onde publicou algúns dos seus Cuentos de la ciudad (outros foron publicados en La Nación e noutras revistas arxentinas), conxunto de quince contos onde o autor reflicte a súa visión humorística e crítica dunha sociedade urbana que está a perder os seus valores humanos. Nesta serie destacan, entre outros, os contos titulados: “Manía y tránsito del Dr. Spadafora. Cuento de muertos” (Ciudad, 1935); “Lucha de clases. Cuento aproximadamente ruso” (La Nación 1933); “Fisiognomía. Cuento en una escena y un estrambote” (Ciudad, 1934). Esta actividade xornalística complementouse posteriormente en Uruguay, Chile e Venezuela. Testemuñan este labor periodístico os títulos Chile a la vista (1951), Las buenas maneras (1956), La peligrosa aventura de vivir en un pueblo (1990) e A contrapelo (1993). Durante esta estadía en España, foi cando tomou contacto coa Xeración do 27 e formou parte do núcleo de amigos de García Lorca e, segundo todas as fontes, a el débese, xunto con Ernesto Guerra da Cal, a elaboración dun dos libros lorquianos máis delicados: Seis poemas galegos (1935), publicados pola Editorial Nós de Ánxel Casal. El non redactou os poemas senón que simplemente lle emprestou a súa lingua a Lorca para que este, escollendo unha ou outra palabra, fose formando unha das maiores homenaxes que se lle teñan feito a Galicia dende outras literaturas, e prologouno. O 15 de outubro de 1933 saíron publicados no número 118 de revista Nós os tres primeiros capítulos de A escadeira de Jacob, o seu primeiro intento novelístico en galego inédito ata 1993, cunha referencia editorial que especifica que se trata dunha novela inédita de E. Blanco Amor que axiña publicará a Editorial Nós. A novela non tivo continuación e non se volveron publicar máis capítulos da que parece ser a súa primeira tentativa como novelista. Non obstante , entre os papeis persoais que conservou a familia do autor existen abundantes páxinas e anotacións inéditas desta novela que o autor non chegou a rematar. Trátase do primeiro intento narrativo do que por entón non era coñecido máis que pola súa poesía, contos e artigos. Este feito tivo certa importancia pois, a pesar de que logo a novela non tivo continuación, significou que o seu proxecto de construír unha obra narrativa en galego foi anterior á etapa de exilio arxentino e, dende logo, anterior á súa obra narrativa en castelán (obra que a pesar de estar escrita noutra lingua terá sempre como centro de fabulación e de meditación o seu país natal e a súa cidade). Regresou a Arxentina en 1935 onde pasou todo o período da Guerra Civil española, ampliándose a súa actividade profesional. Na Arxentina e en castelán publicou os seus libros de versos Horizonte evadido (1936) e En soledad amena (1941). O primeiro deles afástase da súa estética anterior e, acaso seguindo a liña dunha parte da obra de Quevedo, revela a un Blanco Amor humorista e irónico. O segundo deles seguiu o camiño dun neoclasicismo estetizante no que, dende o propio título, están presentes as pegadas dos grandes poetas españois do Século de Ouro. O libro publicouse na Editorial Rula que dirixían Arturo Cuadrado e Luís Seoane, con ilustracións do pintor Ramón Pontones; unha vocación literaria que brotou con fruición e que se manifestou inicialmente a través do cultivo da poesía lírica, sen dúbida a mellor escola para calquera escritor, o forno onde se coce verdadeiramente o manexo do estilo e o pracer pola palabra. En 1940 formou parte do grupo de galeguistas que recibiu a Afonso Daniel Rodríguez Castelao en Bos Aires. Dez anos despois, será Blanco Amor quen faga unha longa alocución fúnebre durante o enterramento do ilustre galeguista no cemiterio bonaerense da Chacarita. Iniciouse un longo afastamento de Galicia á que non volverá durante moitos anos ata o 1958, ano en que deu unha conferencia no Círculo Mercantil de Vigo, seguida dunha cea que se converteu nun acto de afirmación galeguista e antifranquista. Son estes os anos en que Blanco Amor, impedindo a ditadura un normal desenvolvemento da cultura galega no noso territorio, levou a cabo un traballo cultural e de espallamento entre a colectividade galega na Arxentina, a chamada Quinta Provincia. Este traballo consistiu fundamentalmente en conferencias, charlas, artigos de pensamento, dirección de revistas e xornais, organización de actos en defensa da colectividade ameazada, exaltando a cultura galega e defendendo a República e a Autonomía Galega. Durante estes anos foi director das publicacións A Terra, Céltiga, Galicia da Federación de Sociedades Galegas e Galicia do Centro Galego; fundou e dirixiu a audición radial Arte y Cultura de España; foi profesor extraordinario na Facultade de Humanidades e Ciencias da Universidade de Montevideo (1945-1948) e na Escola Internacional de Temporada da Universidade de Chile (1950-1954), e traballou como asesor literario de Emecé Editores, fundada por Arturo Cuadrado e Luís Seoane. Nesta época saíron do prelo os seus poemas Cantos a Galiza encadeada (1946) e en 1956 o seu último poemario Cancioneiro. No eido novelístico publicou en español La catedral y el niño (1948), obra con tinturas autobiográficas na que o narrador lembra a súa vida dende a nenez ata que emigra a América. En 1959 aparecerá A Esmorga en Bos Aires, escrita enteiramente en galego, despois de que varias tentativas da Editorial Galaxia por facer unha tiraxe do libro en Galicia fosen rexeitadas pola censura franquista. O libro, traído a Galicia clandestinamente e distribuído entre un público non moi numeroso, acadou, sen embargo, un importante éxito e sinalou un fito histórico na renovación da nosa narrativa. A través da súas páxinas o autor describe unha sociedade caracterizada pola represión, violencia e polo medo; personaxes marxinais que se moven nos baixos fondos de Auria, oprimidos polas circunstancias que lles rodean. Co título de La parranda saíu en 1960 unha autotradución da obra. Despois de publicar A Esmorga e ante o grande éxito de crítica e de lectores que tivo o libro, Blanco Amor comezou a traballar nunha nova novela en galego. A novela íase titular Os medos pero o autor como resposta a algunha aldraxe recibida pola súa anterior obra decide botar o libro ao lume. Trátase da primeira mostra dun carácter agudo e radical que a partir de entón lle causaría algúns problemas. Decidiu logo escribir en español o orixinal que queimara anteriormente co título de Los miedos (1963), onde o autor volveu lembrar a súa infancia. O libro quedou como finalista do Premio Nadal pero non acadou a nominación de gañador. En 1962, de volta en Ourense, escribiu e publicou Os biosbardos, serie de sete relatos que sufriu en edicións posteriores a perda dun conto que fora engadido na segunda edición (1970). A acción sitúase en Auria e, a través dos rapaces protagonistas, reflicte os seus recordos da infancia: a figura da nai, os xogos, as inquietudes, etc. Desta obra hai unha autotradución titulada Las musarañas (1975). Nesta época colaborou nos xornais La Voz de Galicia, La Hoja del Lunes, La Región ou La Vanguardia Española; é a época en que se fundou o Consello da Mocedade, organización da que logo sairán os máis importantes partidos políticos nacionalistas (UPG e PSG) de entón, ao tempo que se produciron as expropiacións para o salto de Castrelo de Miño, feito que deu lugar ás primeiras loitas populares masivas contra o franquismo. Escribiu e publicou en 1972 Xente ao lonxe, a súa segunda novela en galego, con grande éxito de público e crítica. É unha novela de grande alento e de personaxe colectivo en que o pobo de Ourense e, en concreto, as súas clases traballadoras aparecen organizadas loitando contra o caciquismo en defensa dunha escola laica. En definitiva, un retrato maxistral da cidade nos tempos anteriores á Guerra Civil narrados cunha técnica moi moderna e con influencias do behaviorismo. Como autor dramático deu ao prelo textos que parten de dúas orientacións claramente diferenciadas en función do receptor que el consideraba ideal ou, por dicilo doutro xeito, real. A primeira tendencia na súa escrita dramática está configurada por un conxunto de textos que o autor, segundo confesión propia, argallou entre 1937 e 1943 e que, logo da edición de 1953 en México e da de 1962 en Bos Aires, serán publicados en Galicia en edición bilingüe en 1973 baixo o título de Farsas para títeres, e que contén as pezas Romance de Micomicón e Adhelada, Amor e Crimes de Juan el Pantera, Falsa morte e certa morte de Estoraque o indiano, A verdade vestida, Un refaixo pra Celestina e Anxélica no ombral do ceio. Constitúen un conxunto heteroxéneo de pezas de moi diversa temática que, sen embargo, manteñen entre si fíos comúns, sobre todo polo que se refire á visión irónica, satírica e mesmo grotesca da realidade e por esa acertada fusión entre unha materia dramática, por veces, tradicional, e un tratamento no que se deixa sentir o peso da experimentación vangardista de principios de século, particularmente do expresionismo alemán ou dos esperpentos de Valle-Inclán. A segunda tendencia na creación dramática de Blanco Amor está conformada por un conxunto de pezas que publicou en 1974 nun volume titulado Teatro pra a xente, sintagma que constitúe unha formulación das finalidades e obxectivos que segundo Blanco Amor debería posuír o teatro galego, teatro que non podía renunciar ao seu carácter popular por ser as clases populares as verdadeiras depositarias da lingua e da cultura de Galicia, unha ‘xente’ que, como afirmaba Blanco Amor, constituía a máis grande maioría do pobo. É por iso que Blanco Amor imaxinou e creou un conxunto de pezas que mantendo a súa raizame popular superaron o costumismo e o folclorismo, e contribuíron á dignificación e ao desenvolvemento da cultura popular. O cantar dos cantares ou Galicia 1948 poden ser un exemplo desa decidida aposta a prol dunha dramaturxia popular. O mesmo volume inclúe Fas e Nefas, A carauta, Os baralláns e Tres contos escénicos. A peza Proceso en Jacobusland, escrita en 1973 e publicada en 1980, logo da censura e secuestro á que foi sometida, en 1974 e 1976, é unha sátira política en clave alegórica que conecta con algunhas das tendencias máis recorrentes do teatro independente español, particularmente co teatro de farsa e denuncia de Albert Boadella e a súa compañía, Els Joglars. Finalmente tamén hai que considerar as pezas recuperadas por Luís Pérez Rodríguez baixo o volume titulado Catro pezas inéditas do teatro de Eduardo-Blanco Amor (1993) e que, segundo o seu editor constitúen, na súa maioría, exercicios para ser utilizados nas súas clases de interpretación e lectura expresiva de textos. En canto ao seu traballo no teatro, emprendeu na posguerra unha andaina como conferenciante e profesor de teatro en universidades de Chile, Uruguay e da República Arxentina. Nesta súa segunda patria chegará a traballar na Comedia Nacional Argentina e na Universidad de La Plata. No eido da produción teatral, levará unha especie de dobre existencia pois se nun primeiro momento creou o Teatro Español de Cámara el Tinglado, no que participaron algúns integrantes da compañía de Margarita Xirgú, co obxectivo de dar a coñecer obras do teatro clásico español, seguindo o exemplo de Lorca con La Barraca, a partir de 1957 renunciou ao teatro culto en castelán e apostou pola creación dun Teatro Popular Galego que contribuíse á madureza cultural da emigración. A proposta, logo de dúas estreas, fracasaría por falta dos necesarios apoios económicos. De volta en Galicia, teimou co seu volume Teatro pra a xente en desenvolver aquel modelo imaxinado e apenas iniciado en Bos Aires, pero os camiños polos que andaba o teatro galego independente eran outros, moito máis ousados e necesarios. O contraste de orientacións e pareceres, nas mesas redondas e debates que se celebraron ao abeiro daquel amencer que supuxo a Mostra de Teatro de Ribadavia, amosaría, ben ás claras, como a Galicia interior, superados os anos de silencio obrigado, constituía a vangarda cultural e artística do Galeguismo. Menos coñecido é o seu labor como fotógrafo, cando desenvolvía unha serie de traballos fotográficos cuns criterios diferentes aos marcados na época; estes representaban, en realidade, a proxección da súa faceta artística e literaria. Nese mesmo eido, mantivo certa relación co fotógrafo e cineasta Xosé Suárez, quen realizaba o seu traballo en Bos Aires. Os últimos anos da súa vida decorren entre Ourense, Vigo e Santiago de Compostela, ademais das viaxes a outras cidades do estado como Madrid e Barcelona. Foi, sen dúbida, un home de personalidade moi brillante e matizada; persoas que o trataron non eluden mencionar o seu carácter complexo e por veces contraditorio. A súa condición de escritor, de emigrante e de homosexual situárono nunha marxinalidade existencial á que hai que engadir as dificultades políticas e literarias propias da época para sacar adiante unha obra escrita en galego, por máis que esta fose da máis alta calidade. Renovou a prosa galega e deu modernidade ao tratamento de Galicia tanto na temática da súa produción xornalística, como no seu labor como conferenciante. O 25 de xullo de 1951 recibiu a Orde do mérito Bernardo O’Higgins, polo seu libro Chile a la vista, e en 1972 foi elixido académico de número da Real Academia Galega, a proposta de Otero Pedrayo, Fernández del Riego e Ferro Couselo. En 1993 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Ourense

  • Deceso

    Lugar : Vigo