Blanco Fernández, Isidoro Tomás

Blanco Fernández, Isidoro Tomás

Músico. Ingresou aos oito anos como neno de coro da basílica luguesa, onde recibiu as primeiras leccións de solfexo de mans do mestre de capela Francisco Reyero e do organista Francisco Mariano Mogrovejo. Por mor dunha trasnada perdeu o posto de neno do coro (infantiño). Abandonou a catedral e continuou estudiando música, entrando como frautista na Banda da Milicia Nacional. Viaxou a Madrid e ingresou no Real Conservatorio, onde foi discípulo de Pedro Albéniz (Piano), Antonio Aguado (Harmonía) e Ramón Carnicer (Composición). Simultaneou os estudios do conservatorio cos de órgano co compositor e organista Román Jimeno. En Écija foi profesor de música das fillas do marqués de Peñaflor; alí dirixiu zarzuela e gañou a praza de organista da igrexa de Santa Bárbara, onde permaneceu uns cinco anos ata que volveu a Lugo e acadou a praza de organista da Catedral. Deu concertos de órgano no Casino e no Teatro, e actuou como cantante. Presidiu a sección de música do Liceo Artístico e Literario de Lugo; exerceu como pianista no Círculo das Artes e foi correspondente en Lugo da Gaceta Musical de Madrid e doutras revistas como crítico musical. A súa produción musical comprende as obras relixiosas para voces e orquestra Santo Rosario, Gozos a la Virgen; para voces e órgano Voces a Nuestro Señor de la Sangre, Misa, Santo Dios, Corazón Santo, Despedida al corazón de Jesús, Lamentos a la Virgen de los Dolores, Gozos a la Virgen del Amor Hermoso, Gozos a la Virgen de la Asunción, Gozos a San Roque; para só de tenor Motete; Aria a San Agustín e Intermedio Ofertorio, para orquestra; e as profanas para voces e órgano Himno del Liceo Artístico y Literario, e para voces e orquestra Serenata a la Estudiantina Lucense e Romanza, con acompañamento de piano.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Lugo

  • Deceso