Blanco Garrido, Virxilio
Pintor. Nado nunha familia humilde, emigrou a Cuba con 16 anos onde comezou a súa formación artística. A súa primeira exposición, no Centro Gallego de La Habana, valeulle a concesión dunha bolsa de tres anos (1922-1924) para asistir á Academia de Artes de Madrid. Alí estudiou as obras do Museo del Prado. Trasladouse a París e entrou en contacto co ambiente artístico das vangardas. Desta etapa destacan Xardíns de Luxemburgo (1929) e Xardíns de París (1931). No ano 1930 acadou unha segunda bolsa da Deputación de Pontevedra que lle permitiu regresar a París e un ano despois asentouse definitivamente en Galicia. Fundou a revista Alborear (1931) xunto con Caldera Manzano. En 1932, unha nova bolsa da Deputación de Pontevedra permitiulle trasladarse a Madrid. A súa pintura evolucionou cara ao primitivismo, adquirindo importancia a temática paisaxista (Paseo da Ferradura) e mariñeira. O colorismo parisino foi abandonado para dar paso a un tratamento lírico da cor e da luz (serie da Barca da colección Fernández del Riego). A Guerra Civil supuxo unha irregularidade produtiva así como un esquecemento da súa personalidade artística. Na súa obra tratou de conciliar a súa raizame galega coas propostas das vangardas europeas. Non amosou a modernidade nas temáticas tratadas, escenas costumistas, retratos, paisaxes, senón na forma que estes adoitaron: mesturou as técnicas e as estéticas do Poscubismo, o Expresionismo, o Fauvismo, o Impresionismo, a pintura naïf, etc. Os seus retratos acadaron unha forte capacidade de captación psicolóxica e física (Retrato de Gonzalo Muciente).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Forcarei -
Deceso